Alerta sanitaria por tóxina botulínica no atún en aceite da marca DIA

Detectouse tras enfermar catro persoas en Castela e León. Xa se procedeu á inmobilización e retirada dos produtos afectados.
Publicado por o día 30/08/2019 na sección de Alimentación

Alerta sanitaria por tóxina botulínica no atún en aceite da marca DIA

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición ( Aesan) activou unha alerta sanitaria por un brote de intoxicación alimentaria provocado por toxina botulínica detectada no atún en conserva en aceite de xirasol da marca DIA, detectado tras enfermar catro persoas en Castela e León.

Dos catro afectados, que inxeriron unha ensalada rusa caseira elaborada co citado atún, tres xa foron dados de alta.

A toxina botulínica é unha neurotoxina elaborada por unha bacteria denominada Clostridium botulinum.

A inxestión de alimentos contaminados por toxina botulínica produce botulismo, unha enfermidade que se caracteriza polo desenvolvemento de alteracións vexetativas como a secura de boca, náuseas e vómitos, e por unha parálise muscular progresiva.

O produto afectado é unha conserva de atún en aceite de xirasol formato RO 900, da marca DIA, con lote 19/154 023 02587 elaborado en Frinsa do Noroeste S.A. con data de consumo preferente 31/12/2022.

O produto foi distribuído pola plataforma DIA a establecementos de Asturias, Castela e León, Cataluña, Aragón, A Rioxa, Murcia, Navarra, Castela-A Mancha e Comunidade Valenciana, onde se procedeu á inmobilización e retirada dos produtos afectados.

Como medida de precaución retirouse o produto afectado das canles de comercialización, e as autoridades sanitarias recomendan ás persoas que teñan no seu domicilio o produto afectado por esta alerta que non o consuman e devólvano ao momento de compra.

A Aesan tivo coñecemento o pasado día 9, a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (Sciri), dunha notificación feita polas autoridades sanitarias de Castela e León relativa a un brote de intoxicación alimentaria, provocado por toxina botulínica asociado ao consumo de atún en conserva coa que se elaborou unha ensalada rusa caseira.

Ese mesmo día, a Aesan activou a alerta a nivel nacional e localizouse e inmobilizou de forma preventiva o produto implicado na investigación epidemiolóxica sospeitoso de ser o causante do brote: conserva de atún en aceite de xirasol da marca DIA.

E onte, 29 de agosto, as análises practicadas no Centro Nacional de Alimentación aos produtos sospeitosos confirmaron a presenza de toxina botulínica na lata de atún consumida, segundo explica a Aesan.

“O brote está limitado a catro casos, tres dos cales foron dados de alta, e non hai constancia de máis afectados”, aseguran as mesmas fontes.

A empresa DIA comprometeuse a recuperar o produto implicado que poida estar en posesión dos seus clientes.