¡Alerta! Temporal costeiro de nivel vermello que afectará á costa de Pontevedra e Coruña

Tamén se activa o nivel de alerta laranxa por vento a partir das 00,00 do 2 de febreiro nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Publicado por o día 01/02/2017 na sección de A Coruña,Galicia,Pontevedra,Vigo,Xunta de Galicia

¡Alerta! Temporal costeiro de nivel vermello que afectará á costa de Pontevedra e Coruña

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra a partir do mediodía de mañá, 2 de febreiro. Ademais, desde as 00,00 horas, quedará tamén activado o nivel de alerta laranxa por vento nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase a partir do mediodía de mañá, xoves, mar combinada do oeste entre 8 a 9 metros que afectará ao litoral da Coruña e Pontevedra. A partir das primeiras horas da tarde de hoxe no oeste da Coruña, e da noite no resto do litoral da Coruña e Pontevedra, espérase vento do sur e suroeste de forza 8 e mar combinada do oeste, aumentando a 8 metros (alerta de nivel laranxa). No litoral de Lugo espérase a partir de mañá mar combinada do Oeste, aumentando de 5 a 7 metros, con nivel laranxa.

A Xunta alerta tamén dun fenómeno meteorolóxico adverso por vento, de nivel laranxa, que se iniciará ás 00,00 horas do 2 de febreiro, e que afectará á Coruña, Lugo e Pontevedra. Haberá vento do sur e suroeste con rachas que poderán superar os 110 quilómetros por hora. Na tarde de hoxe, mércores 1 de febreiro, xa se acadará en boa parte da comunidade autónoma o nivel amarelo, con refachos máximos de 90 quilómetros por hora. Ademais, ao longo deste episodio, as cantidades acumuladas de precipitacións serán considerables, podendo superarse nalgúns puntos os 200 mm en total.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.