Alertan do elevado risco psicosocial a que está exposto o persoal dunha biblioteca da Coruña

O resultado da avaliación realizada na biblioteca Miguel González Garcés confirma as críticas sindicais sobre a «deficiente» dirección e «mala organización» neste centro público
Publicado por o día 06/02/2017 na sección de A Coruña,CC.OO,Galicia,Sindicatos,Vigo

Alertan do elevado risco psicosocial a que está exposto o persoal dunha biblioteca da Coruña

Comisións Obreiras (CCOO) alerta do elevado risco psicosocial a que está exposto o persoal da biblioteca pública Miguel González Garcés, na Coruña. O sindicato faise eco da avaliación de riscos realizada neste centro público por requirimento da Inspección de Traballo, cuxa petición viña motivada, precisamente, polas denuncias interpostas pola organización sindical. Comisións atribúe o risco á «deficiente» dirección da biblioteca, á que tamén achaca «mala organización» das tarefas.

A avaliación utiliza o método recomendado polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT). Dos nove factores sinalados no dito método, sete revelan un resultado de exposición a risco psicosocial «alto ou moi alto».

Os factores que alcanzaron os niveis máis elevados están «directamente relacionados» coa dirección e organización do centro de traballo que, como apunta CCOO, é considerada pola Lei de prevención de riscos laborais como parte das condicións que inflúen na saúde e seguridade dos traballadores e as traballadoras, de aí as críticas do sindicato á dirección do centro.

Para CCOO, «vólvese confirmar» o que o sindicato leva meses denunciando: a dirección da biblioteca pública Miguel González Garcés «non ten capacidade para dirixila», xa que a avaliación conclúe que é a «responsable directa» do elevado risco psicosocial a que se expón a trintena de traballadoras e traballadores do centro.

Comisións lembra que o persoal da biblioteca leva anos denunciando tanto a vulneración dos seus dereitos laborais como as condicións en que realizan o seu traballo. De feito, a Xustiza xa emitiu cinco sentenzas en que avala as denuncias do persoal da biblioteca.

Debido á situación, CCOO xa solicitara hai case dous anos (marzo de 2015) a realización dunha avaliación de riscos psicosociais, petición á que a Xunta de Galicia respondeu con «escusas» para atrasala. Mentres, dos trinta traballadoras e traballadores con que conta a biblioteca, un terzo chegou a estar de baixa de xeito simultáneo, especialmente na quenda de tarde, «sen que os responsables da Consellaría mostrasen o mínimo interese» en pescudar as causas, malia as queixas do sindicato e do propio persoal.