Alexandra Fernández anuncia a presentación dunha batería de preguntas ao Ministerio de Medio Ambiente para coñecer estado da EDAR de Vigo

Alexandra Fernández e Rubén Pérez acudiron esta mañá á zona da estación depuradora do Lagares e mantiveron unha xunta coa veciñanza do entorno. A deputada de En Marea pedirá un Informe Técnico sobre calidade e seguridade.
Publicado por o día 20/01/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Alexandra Fernández anuncia a presentación dunha batería de preguntas ao Ministerio de Medio Ambiente para coñecer estado da EDAR de Vigo

A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández e o voceiro municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, estiveron esta mañá na área da EDAR do Lagares, onde fixeron declaracións aos medios e após mantiveron unha xunta con veciños afectados por esta infraestrutura.

Alexandra Fernández anunciou a presentación dunha batería de preguntas dirixidas ao Ministerio de Medio Ambiente para que aporte información veraz e actual sobre o estado de execución da estación depuradora de Vigo, que “como é sabido tiña que estar rematada o 1 de xullo de 2016, pero que adoece dunha importante demora na súa posta en marcha”. De feito, descoñécese cando se vai iniciar o proceso de probas necesario para a súa posta en funcionamento.
A deputada de En Marea puxo de manifesto o escurantismo e a falla de transparencia que existe en torno a esta macro infraestrutura. “Todo o que rodea á Edar do Lagares posúe unha alta dose de escurantismo e non hai transparencia. Razón pola que decidimos dirixirnos ao Ministerio de Medio Ambiente para que aclare e informe sobre o estado da depuradora”.

Para Alexandra Fernández “é importante que tanto os veciños que habitan nesta área e que están afectados por esta infraestrutura, como os vigueses e viguesas, teñan contada información sobre o estado da Edar, así como ás actuacións que se levan a cabo para completar o saneamento da ría. Refírome a todo o que atinxe ao emisario submariño, co que está a haber problemas pero da que non informa ningunha das Administracións implicadas”.
Unha das preguntas que Alexandra Fernández formula ao Ministerio é relativa ao estado do emisario submariño, e tamén sobre a planta de biogás prevista no proxecto.

A contaminación da Ría de Vigo

Nunha segunda parte da súa intervención, chamou a atención sobre os elevados índices de contaminación que sofre a Ría de Vigo e a urxencia de sanear as súas augas. “A Ría conta cunha importante contaminación que afecta aos recursos pesqueiros e marisqueiros. Estes sectores levan anos reclamando o saneamento das augas polo impacto da contaminación á súa actividade e ao estado dos recursos”.

Garantir a habitabilidade da veciñanza da zona

Finalmente, a deputada de En Marea pedirá ao Goberno que concrete os prazos da posta en funcionamento da estación depuradora, e puxo especial énfase na necesidade de que se garantan os mínimos de calidade e de seguridade. Nesta liña aludiu ao impacto da infraestrutura sobre a habitabilidade da veciñanza da zona: “Somos conscientes da situación penosa que os veciños e veciñas levan tempo sofrindo polos malos olores e o ruido. Non temos constancia de ningún informe técnico sobre seguridade e sobre o impacto na área”. Alexandra Fernández demandará ao Goberno un informe técnico neste sentido a fin de garantir a habitabilidade dos habitantes da área.

Rubén Pérez:

Pola súa parte, o voceiro municipal da Marea de Vigo,  Rubén Pérez, sinalou que “sempre estivemos alerta coa situación da depuradora, tanto da vella como da nova co obxectivo de que non se volten cometer os erros dos anos 90 cando se entregou a depuradora con falla de mantemento preventivo e falla de coidado dunha instalación que require dun mantemento permanente”.

Rubén Pérez alertou especialmente sobre a materia preventiva porque “hai persoas do ámbito técnico que teñen advertido que esta depuradora conta cunhas condicións que de non ter un mantemento continuo e preventivo, voltaría a darse a situación da anterior de constantes cheiros e problemas”. O voceiro municipal criticou a aposta por macro depuradoras para toda a área urbana e grande parte do cinturón industrial de Vigo. Nós sempre defendemos que tiña que haber unha política de descentralización da depuración”. Nese sentido, anunciou que “trasladaremos ao Parlamento de Galiza a situación da veciñanza, que debe existir un sistema preventivo”. Afirmou que o normal sería ter alonxado a poboación nun radio seguro.

Rubén Pérez aludiu a elementos de risco como os globos que recollen o gas e que poden constituir un perigo por posíbeis filtracións.

Una respuesta para "Alexandra Fernández anuncia a presentación dunha batería de preguntas ao Ministerio de Medio Ambiente para coñecer estado da EDAR de Vigo"

  1. Gamela   21/01/2017 at 8:03

    xa era hora que se puxeran a traballar…!

    pero moito me temo que non son PREGUNTAS nin “informes técnicos” os que van solventar os problemas da EDAR do Lagares…

    xa estamos en tempo de facer DENUNCIAS ante a Fiscalía para que estude a onde foron estes 183 millóns de euros? que se analice euro a euro onde meteron os cartos así como os motivos reais do retraso na execución das obras, e DENUNCIAR tamén o destrozo que están a facer na marxe do río Lagares (a carón da ponte) para o que sin siquera deben ter os permisos necesarios de Augas de Galicia…

    Esta pandilla (Liana Ardiles) está facendo o seu agosto mentres e o Concello segue de Cabalgata!

    https://flic.kr/p/QpAGAj