Alexandra Fernández critica a masificación e a saturación que padece o CIS de Vigo

Publicado por o día 13/01/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Alexandra Fernández critica a masificación e a saturación que padece o CIS de Vigo

A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, presentou unha proposición non de lei e outra iniciativa parlamentar na que demanda ao Goberno central que retome e efectivice nesta lexislatura o proxecto de ampliación do Centro de Inserción Social de Vigo, paralizado desde hai cinco anos.

Alexandra Fernández pide ao Executvo que dote da consignación necesaria a este proxecto para comezar canto antes as actuacións encamiñadas á urxente ampliación do CIS.

A deputada de En Marea lembra que nada mais acceder Rajoy ao Goberno, paralizou a primeiros de 2012 este investimento que “ficou suspendido no tempo e desde entón nada se moveu”. A primeiros do ano 2012, Institucións Penitenciarias comunicaba que a obra “permanecerá en suspenso”, “e tan en suspenso quedou que poderíamos dicer que ficou fóra do mapa de proxectos a realizar , a pesar de que é algo prioritario porque a situación actual é insostíbel”.

Colectivos sociais, organizacións sindicais, internos e traballadores piden a súa ampliación

Neste sentido, lembra que no anterior Goberno de Zapatero consignáranse 10,5 millóns de euros para a ampliación do CIS de Vigo, que tiña por obxecto aumentar significativamente a superficie das actuais instalacións que quedaron cativas. Proxectábase a construción de tres novos pavillóns anexos ao edificio central, a creación de 150 habitacións dobles, e outra serie de espazos necesarios.

A parlamentar de En Marea por Pontevedra traslada ao Goberno as queixas e as críticas de sindicatos penitenciarios, de colectivos e organización sociais, da plantilla do centro que hai anos que veñen denunciando a enorme saturación co CIS que abriu as súas portas en 2006 e que está destinado a internos en réxime aberto, e atende a outras persoas que deben  realizar traballos sociais ou concenados por maos tratos.

Alexandra Fernández pón de manifesto que desde as organizacións sociais alertouse en numerosas ocasións da masificación do centro, avisando que se chegaría a un punto no que o cárcere de A Lama non podería derivar internos, o cal obstaculizaría o proceso de progresión do grado penitenciario. “As queixas de internos, das familias, de representantes sindicales e da plantilla do centro, de colectivos sociais medrou até o punto de se concentrar o pasado 10 de xaneiro diante do CIS para reivindicar a execución do proxecto.

A deputada de En Marea considera que após de cinco anos, “cremos que na presente lexislatura debe materializarse por fin esta actuación, que redundará con toda seguridade na mellora da política de inserción social, así como nas condicións dos internos e da plantilla de traballadores”.