En Marea ofreceu esta tarde un mitin no Auditorio Municipal de Vilagarcía no que a encargada de abrir o acto, Verónica Hermida, do consello cidadá de Podemos Vilagarcía, asegurou que “somos moitas as que pensamos que o cambio ten que ser protagonizado polas mulleres, na candidatura de en Marea predicamos co exemplo”. “En Marea é a nosa maneira de loitar colectivamente” dixo.
O concelleiro de EU-Son, Jesús Rodríguez, afirmou que unicamente a clase traballadora é a que está a sufrir recortes de dereitos polo que “temos que saír a recuperar o espazo que nunca debemos perder”. “E imposible cambiar o modelo produtivo do noso país se antes non cambiamos o político” asegurou.
O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Manuel Fajardo, sinalou que “pode ser que non teñamos exeriencia, pero temos memoria e recordámonos de todos e cada un dos casos de corrupción do PP e do PSOE”. “Isto non é unha crise: é un proceso de apropiación duns poucos a costa da desposesión dos máis” remarcou o deputado de AGE.
A deputada de Podemos na Asemblea de Madrid, Clara Serra, salientou pola súa banda o feito de que “cando as mulleres facemos política aparecen problemas que antes eran invisibles como a conciliación, a familia ou os coidados”. “Ao PP éncheselles a boca falando da familia cando foron eles os que máis brutalmente as agrediron a base de recortes, obrigando as mulleres a rescatar as familias mentres eles rescataban bancos” denunciou.
A número 2 ao Congreso por Pontevedra, Ángela Rodríguez, defendeu a necesidade de rachar o pacto que unha elite financeira fixo contra o 99 por cento da maioría social. “É o momento de facermos un pacto novo entre as de abaixo” afirmou. “Contra a súa precariedade nós queremos lexislar dignidade, contra a súa tristeza nós imos lexislar alegría” concluíu.
A encargada de pechar o acto, a cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández, defendeu que “é necesaria unha vertebración do territorio pensada desde as necesidades do día a día da xente do común”.
Alexandra Fernández tivo un recoñecemento especial para os traballadores do Diario de Arousa aos que quixo transmitir todo o apoio de En Marea na súa loita polos seus postos de traballo.
“Nós, galegos e galegas, igual có resto de nacións do estado, temos dereito a sermo que queiramos ser. Por iso defenderemos o dereito a decidir, porque chegou o momento de decidilo todo” dixo Alexandra Fernández.
PRENSA EN MAREA
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.