Alexandra Fernández demanda a Fomento que se adopten medidas para paliar o impacto e a afectación das obras de ampliación da AP-9 en Chapela

Publicado por o día 21/10/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

Alexandra Fernández demanda a Fomento que se adopten medidas para paliar o impacto e a afectación das obras de ampliación da AP-9 en Chapela

A deputada de En Marea traslada nunha iniciativa parlamentar dirixida a Fomento os problemas que están a padecer desde hai tempos os veciños e as veciñas de Chapela por estas actuacións.

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, dirixiuse ao Ministerio de Fomento nunha iniciativa parlamentar presentada na Cámara Baixa para demandarlle a adopción de solucións aos problemas de impacto acústico e doutro tipo que están a xerar as obras de ampliación da AP-9 na ponte de Rande, á altura de Chapela.

A deputada de En Marea expón na iniciativa parlamentar dirixida a Fomento os numerosos problemas que están a padecer os veciños de Chapela polo impacto das obras da AP-9 no seu entorno. Explica que “veciños e veciñas de Chapela levan tempo queixándose dos problemas que estas actuacións están a xerar na súa convivencia diaria e nas súas casas”.

Unhas obras que afectan á normal convivencia

Pón de manifesto que os habitantes da zona teñen expresado o seu malestar en diversas ocasións mediantes protestas, concentracións e manifestacións sen que teñan recibido resposta activa e positiva por parte de Fomento.

Alexandra Fernández menciona algúns dos problemas máis graves que sofren como o impacto acústico provocado polo constante funcionamento das máquinas durante toda a xornada e que afectan sobre todo ao instituto cercano onde son continuas as queixas do alunado e dos profesores que destacan as dificuldades para desenvolver unha actividade normal de estudo.

Ademáis, sinala a deputada de En Marea, “a circulación habitual de camións de grande tonelaxe polas estradas tan estreitas do municipio causa temblores nas paredes das casas que á súa vez causa desperfectos pola caída de obxectos ou grietas nas paredes”. Outros desperfectos débense á rotura de tuberías ou de cañerías das canalizacións de auga. “De feito nos últimos meses, a veciñanza ficou sen auga durante horas pola rotura de cañerías”.

A parlamentar de En Marea traslada a Fomento as queixas dos veciños e das veciñas e insta ao Ministerio a demandar á concesionaria Audasa solucións e medidas para paliar o impacto e a afectación das obras na convivencia normal dos veciños e veciñas de Chapela.