Alexandra Fernández: “Nestas eleccións estamos a xogarnos o futuro das próximas décadas”

Publicado por o día 09/12/2015 na sección de En Marea,Política

Alexandra Fernández: “Nestas eleccións estamos a xogarnos o futuro das próximas décadas”

Xosé Manuel Beiras defende en Marín a alianza En Marea e o seu entendemento con outras ao longo do Estado para “para abrir un novo proceso e un novo futuro, sempre co horizonte da creba democrática”.

A Biblioteca Vidal Pazos de Marín quedou miúda para quen asistiu ao acto político de En Marea, no que Xosé Manuel Beiras acompañou ás dúas candidatas que encabezan a lista de Pontevedra, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez.

Sandra Pesqueira, voceira de Marea Marín, fixo de mestra de cerimonias facendo un repaso aos posicionamentos políticos das mareas municipalistas, que “sobardan os ámbitos locais”. “As mareas non somos só quen temos un cargo, somos os milleiros de persoas que estamos a traballar dunha punta a outra do país, unha realidade que veu para ficar, leve o tempo que nos leve. Queremos ser as e os protagonistas da nosa historia, coas nosas mans e na nosa lingua. Iso é, tamén, En Marea”.

Cun “erguémonos para derrubar o edificio de privilexios que foron construíndo a costa dos nosos dereitos” a concelleira marinense dou paso Aaron Franco, tamén concelleiro de Marea Marín. Aaron, que comezou a súa intervención lembrando a natureza matriarcal orixinal da sociedade galega e o carácter feminista das mareas, afirmou que “temos que dar por rematada a fraude da Transición, unha falsa democracia baseada nunha Constitución que defenden ou non segundo lles convén. Deféndena contra os cataláns pero non a prol dunha sanidade gratuíta e universal ou do dereito á vivenda” e rematou parafraseando a Beiras: “exhórtovos á desobediencia  para cambiar as regras dun xogo chamado democracia que non o é”.

Ángela Rodríguez, número 2 por Pontevedra, quixo arrancar dando valor a unha opción, En Marea, “construída por xente normal, non afeita a facer política institucional”. “Estamos facendo nun círculo moito máis amplo o que xa facíamos noutros máis pequenos. Preocuparnos polo que lle preocupa á xente. Queremos levar o que prometemos no seu día nas prazas, dende aquel 15M, ás institucións”, continuou.

Ángela, que afirmou que quen hasta agora ocupa as cadeiras de coiro nas cámaras de representantes son “señores con traxe, que ás veces até mesmo ofrecen traballo a cambio de sexo, e que non reflicten á xente da rúa” rematou ao xeito de Pablo Iglesias no último minuto do mitin de onte “non esquezamos Nunca Máis, non esquezamos o Monte Pindo, non esquezamos os accidentes do Alvia… temos que sorrir ao 15M, ás prazas, a Martiño Noriega, a Xulio Ferreiro, aos brigadistas antiincendios, ás nais con xornadas laborais de máis de 15 horas, aos tractores do leite, sorrir porque hai marea, hai marea, hai marea…”.

Ángela encargouse tamén de presentar a Xosé Manuel Beiras, quen comezou a súa intervención lembrando as traxectorias de diferentes loitas históricas en Galiza para enlazalo cun “agora parece que se un é nacionalista de esquerda e opta por unha grande alianza de esquerda, tamén con forzas políticas estatais que asumen os nosos dereitos como pobo, parece que somos tránsfugas, polo que eu intúo que hoxe até Castelao sería tránfuga”, en alusión ás alianzas do Partido Galeguista da República.

O portavoz nacional de Anova afirmou que “levamos varios bienios negros seguidos, e o último foi máis ben un cuatrienio de chapapote como o do Prestige, pero no canto de físico foi ideolóxico e político”  e que “levamos 30 anos de autonomía, ou autoanemia, no que son os cidadáns e traballadores quen tiveron que defender o que terían que defender dende as nosas institucións e gobernos. Tamén foron as xentes deste país quen tiveron que defender o idioma e a cultura, tratando de facer o que non fixeron os seus representantes, por iso xurdiu Nunca Máis, non por xeración espontánea, e por iso xurdiron as mareas primeiro e En Marea”, e lembrou aquel “esborrallouse o estado e emerxeu a nación” que el mesmo enunciara durante a crise do Prestige e que di, agora se está a repetir coa cidadanía activa que quere dar o paso cara as institucións porque estar lles traizoaron.

Non se esqueceu Beiras de animar a votar a En Marea: “se queremos a emancipación do pobo galego, se queremos que Galiza como nación exerza a súa soberanía, hai que mudar todo en dúas dimensións, nacional e social, e hoxe para iso é indispensábel facer alianzas. Iso non o podemos lograr as galegas e galegos sós, nin sequera os cataláns coa potencia do seu proceso son quen de levar iso adiante”, defendendo así non só a alianza de En Marea senón outras como en Catalunya e Valencia: “o pobo é quen máis ordena e a nación son os cidadáns e cidadás. Cando votedes o 20D a En Marea en Marín estaredes votando a En Marea en Lugo, en Viveiro, no Deza, na Coruña e en calquera recanto da Galiza, e tamén a En Marea en Catalunya, en Valencia, en Andalucía… malia que alí non se chame así. Iso é a grandeza desta alianza e o necesario para abrir un novo proceso e un novo futuro, sempre co horizonte da creba democrática e facendo antes as cousas indispensábeis que precisa a xente do común”. “Que non ocorra connosco o que lle fixeron ao pobo grego e a súa soberanía”, rematou.

Cun animoso “Hai Marea!” comezou Alexandra Fernández, a candidata número 1 por Pontevedra o seu discurso, para inmediatamente pasar a explicar aos asistentes como se abriu o proceso das mareas municipalistas e como se utilizou a ilusión para “construír ferramentas útiles para favorecer á cidadanía”. “En Marea tamén serve para que a rede de mareas municipalistas siga ampliándose. Ese é o obxectivo prioritario, ampliar a rede, sermos cada vez máis”.

“Nestas eleccións estamos a xogarnos o futuro das próximas décadas. O réxime do 78 está crebado e hai unha fenda aí que temos que aproveitar”, afirmou Alexandra, que fixo despois un repaso a varios puntos do programa de En Marea en relación á violencia contra as mulleres, a economía produtiva e o rescate da democracia. “Temos que librar a ría do cancro de ENCE que hipoteca os nosos montes e apostar por sectores produtivos sustentábeis coma o marisqueo, que garantan máis postos de traballo para os veciños e veciñas de Marín”.

Alexandra, que apostou por derogar o artigo 135 da Constitución e esixir unha auditoría da débeda, dixo que “nesta UE parece que hai países de primeira e de segunda, e se prioriza o pagar guerras no canto de resolver problemas sociais”.

Tamén incidiu Alexandra na necesidade de loitar e lexislar contra o patriarcado. “Contra o seu pacto de homes nós queremos un proceso constituínte de mulleres”, dixo, “queremos cambiar a fórmula de facer política e tamén cambiar as institucións. Imos recuperar os dereitos cívicos derogando a lei mordaza e toda ameaza contra eses dereitos”, proseguiu, animando á xente a participar e pendíndolles que: “esixídenos a rendición de contas a quen esteamos alí”.

Rematou falando do dereito a decidir, tanto no eido social como nacional e asegurando que todo o programa e o espírito en rede de En Marea “é posíbel, demostrámolo na primavera e ímolo demostrar agora”.

PRENSA EN MAREA