Alexandra Fernández: “Queremos chegar ás institucións para poñelas ao voso servizo”

Publicado por o día 11/12/2015 na sección de Elecciones Generales,En Marea,Política

Alexandra Fernández: “Queremos chegar ás institucións para poñelas ao voso servizo”

Ángela Rodríguez: “Os cartaces do PP poñen: España en serio. A nós gustaríanos dicirlle a Rajoy “sé fuerte, porque este cambio xa non hai quen o pare”

Xosé Manuel Beiras: “Os do PP, non teñen ningunha idea do mar, porque se a tiveran saberían que as mareas vivas dos equinocios e dos solsticios coma o 21 de decembro son as máis vivas do ano”

En Marea ofreceu hoxe un mitin no Auditorio do Mar de Vigo no que interviñeron a número 1 e 2 da candidatura por Pontevedra, Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda e coordinador nacional de Anova In, Xosé Manuel Beiras, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez.

O secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Rioboo, destacou que En Marea ven do 15M e de loitas anteriores que houbo no país e nas que todos os galegos e galegas demostramos que “na unidade somos máis fortes”. “Chegamos a este proceso deixando personalismos, protagonismos, para poñer en valor o que nos une” declarou Breogán destacando que En Marea  é como á  “sociedade é plural e diversa e que seremos capaces de poñer o que nos une por riba de calquera outra cousa que ten que ser un motivo de satisfacción”.

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, comezou a súa intervención lamentando que “cando hai mareas por todas as partes eles quédanse co cigarro na bañeira e coas luces de Nada”. “Recordo o día que presentamos trece das medidas máis importantes para a cidade, como a moratoria do casco histórico, unha auditoría dos desfalcos que fixera o goberno anterior do PP e cunha programación de Nadal para todos os barrios periféricos a onde nunca chegaran as luces e ó dia seguinte o titular da prensa era: Martiño Noriega agocha o nacemento nunha igrexa” destacou o alcalde de Santiago de Compostela. “Estamos aquí para exercer a dignidade. E para min é un pracer estar aquí con dúas mulleres que van defender a dignidades das mulleres coma Alexandra e Pam, pero sobre todo de estar con Beiras, que a pesar do seu querer pola música clásica é o último Rolling Stone que queda neste país” arrancou Martiño Noriega a súa intervención.

Estamos En Marea e “o que lles preocupa é que suba, porque forma parte dun relato que vós decidistes escribir, un relato colectivo, de constatación da fraude de lei do que foi a crise. E dixestes: gobernémonos nós. Nós queremos estar aí, non nos importa o envoltorio o que importa son as medidas de fondo. E En Marea é o fío condutor para poder cambiar todas as cousas. E facemolo nun proceso envolvente e xeneroso onde se recoñece a diversidade nun contexto de cambio. O inimigo é complicado, son poderes económicos que nos baleiran de soberanía, dos cales moitas veces saen derivados moitos medios de comunicación”.

O alcalde compostelán denunciou que “non respectan que foramos a lista máis votada porque esa non é a súa democracia, só é democracia se gañan eles. E esta é a maneira de vencelos. Xerar espazos de hexemonía que lle disputen a súa hexemonía, dende a xenerosidade. De vencelos agora e dentro dun ano. Que non nos metan fraude de lei, Ciudadanos que non nolo metan como algo novo cando é algo reaccionario e trasnoitado”.

A número 2 de En Marea por Pontevedra, Ángela Rodríguez, sinalou que “os que non tiñamos os teléfonos da xente importante, dos banqueiros somos os que estamos En Marea e para todos aqueles que pensaban que non se podía aquí estamos, para mudalo todo, para que nada siga igual”. “Había un pacto: dicíannos que estudaramos que teriamos un traballo. E aquí estamos, estudados e sen posibilidade de traballar” destacou pero, nesta ocasión será o pobo quen máis ordene.

“Os cartaces do PP poñen “España en serio”, a nós gustaríanos dicirlle a Rajoy “sé fuerte, porque este cambio xa non hai quen o pare”.  Eles sábeno e teñen medo, e tratan de levarnos ó seu terreo de xogo, o da tristeza. Do que temos medo e do seu goberno de catro, das catro grandes empresas” declarou Alexandra Fernández. “No Congreso están señores con traxe, con canas, que invisten millóns de euros en infraestruturas totalmente innecesarias pero non teñen cartos para a dependencia que dignificaría a vida das persoas que máis o necesitan. Son os señores que ofrecen traballo a cambio de sexo” denunciou.

“Queremos pedirvos que non esquezades as tarxetas black, a Pokemon, a Picachu, a Baltar, a Marcial Dorado, as estafas das preferentes, a reforma laboral, o monte Pindo, as pensións dos emigrantes retornados, os 10 mil mozos que están emigrados, as sopas do Alvaro Cunqueiro, as vítimas do Alvia. E que sorriamos as prazas, o 15M, a Martiño Noriega, a Xulio Ferreiro a Jorge Suárez, ó persoal do hospital, ós que se erguen sen traballo e ás avoas que teñen que estirar as súas pensións para sacar adiante as súas familias. E temos que sorrir porque si que se pode, e que hai Marea” concluíu a número 2 de En Marea por Pontevedra.

O coordinador nacional de Anova In e voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, comezou dicindo que “os do Partido Podre, os do PP, non teñen ningunha idea do mar, porque se tiveran idea saberían que as mareas vivas dos equinocios e dos solsticios coma o 21 de decembro son as máis vivas do ano. E este 21D vai chegar a marea ata a Moncloa” . “É imposible que entendan as cousas obvias porque tamén esquecen que en Vigo no 1979 houbo un maremoto. Foron as grandes folgas no naval, na Citroen.. Aquilo que simultaneamente aconteceu en Ferrol e na Universidade de Santiago. Non quero que isto volva ocurrir agora”.

Beiras explicou que “o contido primordial de En Marea é o que ten que facer a esquerda social deste país para arrastrar a esquerda política. Había que defenderse dos que  mercantilizaron os dereitos da sociedade. E deuse unha ruptura na primavera pasada. A cidadanía revolveuse contra todo aquilo e neste recanto foi no único lugar no que se falou das “mareas”, 70 candidaturas de unidade popular. Fomos capaces de entender que aí estaba a nova cultura política. Tiñamos moitos tics automáticos e cumpría remudar e entender que a maneira de facer política os propios cidadáns era o que cambiaba o rumbo da historia”. “E os militantes decidimos integrarnos nas mareas. E foi como Anova, EU e Podemos entraron nas mareas. E foi difícil porque somos moi diferentes. E houbo espazos políticos que non quixeron entender que esta era a fórmula. Se queremos que se emancipe o pobo galego son necesarias alianzas, ou é que alguén se lle ocurre pensar que Galiza por si mesma pode liberarse?” continuou o voceiro de AGE.

A número 1 de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández, asegurou que a candidatura de En Marea é “candidatura galega con capacidade para lograr un grupo parlamentario propio na clave da esquerda social que conxuntamente, tamén con Izquierda Unida, abramos un proceso para darlle o finiquito terrestre e abrir o horizonte de democracia rural para darlle a volta e que os gobernos sexan a favor dos cidadáns, dos mariñeiros do cerco, das persoas que no inverno que non poden poñer a quentar os seus habitáculos porque as eléctricas lles rouban”.

A cabeza de lista por Pontevedra afirmou que “as mareas municipalistas son un espello no que mirarse, por iso somos En Marea”. “Conseguimos a ilusión para transformar a realidade. En Marea dá continuidade a este proceso pero tamén trata de realimentalo. Necesitamos estar nas institucións do Estado para que estas mareas collan folgos e para seguir estendendo esta rede. O réxime do 78 estase quebrando. As ondas baten contra as rochas  con persistencia e esas ondas somos nós. Empezamos nas municipais con ilusión e agora temos o deber de continuar” declarou Alexandra Fernández.

Entre as prioridades de En Marea está derrogar o artigo 135 que é un insulto á soberanía popular, impulsar políticas contra a violencia machista que doten de recursos a atención ás persoas maltratadas e non culpabilizar as vítimas como fai o PP. “Se as mulleres sostemos a metade do ceo queremos a metade dos orzamentos” defendeu.
Queremos outro modelo de país, apostamos pola explotación sostible dos recursos propios. Temos que competir en calidade e non degradar salarios. Hai que potenciar a economía local. Un obxectivo que pasa por rescatar a democracia o vindeiro 20D como destacan os candidatos e candidatas de En Marea.

“Os galegos temos dereito a decidir o que queremos ser, porque a solución só pode vir do dereito libre dos pobos a decidir. E pode parecer difícil e sabemos que os medios de comunicación están moi rabiosos. Pero sabemos que é posible porque dos afectos e da rede sacamos a forza para seguir traballando” concluíu a cabeza de lista de En Marea por Pontevedra.

PRENSA EN MAREA