Alexandra Fernández: “Sabemos que a historia viaxa en espiral e non queremos outra ‘Transacción’. É o momento de botalos”

Publicado por o día 13/12/2015 na sección de Elecciones Generales,En Marea,Política

Alexandra Fernández: “Sabemos que a historia viaxa en espiral e non queremos outra ‘Transacción’. É o momento de botalos”

Xosé Luís Méndez Ferrín: “Tedes que votarme para que contribúa a facer desaparecer o Senado, para que lles devolvamos todas as leis contrariadas aos intereses do pobo e así romper un réxime político imposto, alleo”

Ángela Rodríguez: “En Marea quere que goberne o 99 por cento, os que fan un goberno de catro son eles: Bankia, Iberdrola, Santander e PP”

Xosé Manuel Beiras: “Falan de inestabilidade política. Moitos de nós coñecemos a época máis estable dos últimos tempos, o franquismo”

En barco, co son das gaitas e ondeando as cores de En Marea, chegou esta mañá a candidatura de Pontevedra a Cangas para levar a alegría e a esperanza do cambio a un salón de plenos ateigado de xente. O primeiro en intervir o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, comezou pedindo o apoio expreso as mulleres do cerco que levan toda a fin de semana acamparas diante de San Caetano. “Esta mañá case me dá unha taquicardia cando ao ler  que Rajoy di que leva a Cangas no seu corazón,o home que permitiu que miles de mozos tiveran que emigrar, que miles de familias vivan na máis absoluta precariedade. Non quero que Cangas estea no seu corazón. E o 20D ímolo botar á rúa, ao INEM” arrancou dicindo o alcalde. “Queremos que se resolvan os problemas de Galicia, non só que se fale deles. Imos ter grupo parlamentario e vai tratar os problemas de Galicia. Non imos ir ó Parlamento a chorar. Van ir alí a mudar as cousas, a contribuír a botar fóra toda esta praga que nos estivo gobernando todo estes anos. E o ano que vén imos botar fóra a Feijóo” asegurou Xosé  Manuel Pazos.

O candidato ao Senado de En Marea Pontevedra, Xosé Luis Méndez Ferrín, declarou que “todas as unidades son boas fronte ó inimigo principal. Se se lanzan todas as frechas cara o mesmo branco, os pobos gañan”. Por isto, destacou esta  unidade estamos forzas “que aspiramos á independencia de Galicia e forzas lealmente unidas que aspiran a un horizonte republicano federal para todo o Estado español”. “O mundo camiña cara a unha meirande liberdade” asegurou.

“Europa quere botarnos do mar, temos que ter un goberno galego que entenda a necesidade conservar a nosa pesca. Veñen a dicirnos a nós o que é o xeito? Se non saben nin o que é” lamentou Méndez Ferrín. “E a min tedes que votarme para que contribúa a facer desaparecer o Senado, para que lles devolvamos todas as leis contrarias ós intereses do pobo. Así romperemos un réxime político imposto, alleo” declarou.

A número 2 de lista ao Congreso por Pontevedra, Ángela Rodríguez, comezou sinalando que “temos moi claro que o pacto que  nos ordenaron as elites financeiras non nos serve”. “Teñen medo e non paran de copiarnos falando de democracia, de participación, quítanse as garabatas para levarnos ó terreo de xogo do medo, dos recortes, da tristeza” destacou a número 2 por Pontevedra.

En Marea quere que goberne o 99 por cento, “os que fan un goberno de catro son eles: Bankia, Iberdrola, Santander e o Partido Popular” afirmou. “Cremos que temos unha responsabilidade e que podemos facer unha política que conte coas nais, coas avoas… que foron as que tiraron do carro en plena crise” explicou Ángela Rodríguez e “pensemos se eses señores con traxe e garabata do Congreso nos representan”. “Din: las personas primero. Pero mentres invisten miles de millóns no Porto da Langosteira e deixan aos dependentes sen recursos. E Rajoy coida o seu pai cos cartos públicos mentres nós temos que coidar os nosos” denunciou. “Temos que facer unha política centrada na xente, na vida” reiterou.

A número 2 de En Marea po Pontevedra rematou insistindo en que o vindeiro 20D “xogámonos un país no que os emigrantes poidan volver, no que os retornados cobren as súas pensións, no que o goberno non culpe un maquinista senón que garanta a seguridade do seu pobo”.

O seguinte en intervir en Cangas foi o coordinador de Anova In e voceiro de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento de Galicia, Xosé Manuel Beiras. “Falan de inestabilidade política. Moitos de nós coñecemos a época máis estable dos últimos tempos, o franquismo. E agora estamos a padecer o franquismo sen Franco. Cos mesmo métodos pero con diferentes morfoloxías” comezou a súa intervención. “Os nazis suprimiron a liberdade de prensa, crearon o partido único. Estes chegaron aquí e reinventaron o partido único, colleron a maioría absoluta no Parlamento e os demais non existimos. E reinventaron tamén o monopolio da información. Exhortemos á xente á desobediencia!” exclamou.

Xosé Manuel Beiras acusounos de facer “unha lei de contrarreforma laboral, outra para rebentar o servizo sanitario gratuíto para os cidadáns, outra para excluír a educación cívica no ensino, outra para ir para atrás nos dereitos das mulleres para que non poidan decidir cando queren ter fillos…” pero “por riba das leis está a xustiza e cando a lei é inxusta o que hai que facer como cidadáns é violar a lei e restituír a xustiza”. Isto é o que significa En Marea dixo Beiras, “a expresión do fenómeno que emerxeu na primavera pasada durante o proceso das eleccións municipais, en virtude do cal cidadáns de moi diversas índoles, inseridos en distintos segmentos pero sempre no conxunto das clases traballadoras”.

“A xente decidiu que xa estaba ben de escoller nas eleccións xente que nos estafa, que nos traizoa, por que non imos ser nós os actores e mudar as cousas”sinalou e ai “inserímonos militantes con xenerosidade, e aí naceu unha nova fronte popular, co protagonismo do pobo e os partidos de esquerda que estamos apoiando iso inserímonos aí cos nosos idearios e continxentes”.

“Eu que son socialista de tempo inmemorial dóeme dicir que a nivel institucional o aparato do PSOE participa da segunda restauración bubónica e ninguén cre que teña intención de facer políticas socialistas” lamentou Xosé Manuel Beiras. O que aconteceu nas municipais “viña de máis atrás, da intrahistoria de Galiza que fóra nunca quixeron aprender e que as oligarquías galegas tampouco queren saber” explicou. “Este é o pobo da península que leva máis decenios loitando polos seus dereitos” aseverou.

“O Prestige acabou desembocando nas mareas municipais. E agora tratase de que unha marea galega represente o que somos, e que sexa o pobo galego o que nas Cortes teña presenza e diga aquí estamos nós. E queremos decidir que Nunca Máis nos volvan enganar, mexen por nós e teñamos que dicir que chove, que Nunca Máis seremos unha colonia” concluíu o coordinador de Anova e voceiro de AGE.

Pechou o acto en Cangas, a cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Alexandra Fernández, agradecendo en primeiro lugar aos gaiteiros do Hío que foron buscalos a Vigo para traer aquí a festa e a ilusión que inunda esta campaña.

A cabeza de lista incidiu na necesidade de contar cun tecido industrial anovador, diversificado. “Se ás empresas se lle dan cartos públicos ten que ser co compromiso de que a carga de traballo quede aquí” afirmou engadindo que “a precarización do emprego non é unha medida económica, é unha medida ideolóxica”.

“En Marea é ese espello, porque compartimos Alfageme e Massó, porque compartimos motoserra e metal. E tamén é o espello de todas as apostas de mareas municipalistas. Aquí soubestes por en valor palabras tan esquecidas coma a ética, o ben común. Na pasada primavera vimos a marea da xente de a pé facendo política, e En Marea ven para darlle continuidade. Precisamos estar nas institucións do Estado para que estas mareas collan folgos” declarou Alexandra Fernández. “Tamén é o espello da experiencia coma Beiras e Ferrín. Somos novas pero sabemos que a historia viaxa en espiral, non queremos outra Transación, é  o momento de botalos” engadiu.

“É o momento dun proceso constituínte de mulleres porque queremos igualdade e a Constitución foi un pacto entre homes que non entendían que o machismo é un problema estrutural. É tamén o momento dun proceso constituínte galego, porque a solución só pode vir do dereito libre de decidir dos pobos” anuncio a cabeza de lista. “En Marea tamén é o voso espello. Porque vos necesitamos. Queremos cambiar as institucións, non nos presentamos para xogar unha partida coas cartas marcadas. Non hai futuro sen memoria. Porque non hai Vigo sen Cangas. E porque non hai un nós sen vós o 20D imos todas xuntas En Marea” concluíu.

PRENSA EN MAREA