Alfonso Marnotes, novo portavoz do PP no Concello

Teresa Egerique, Patricia López Román e Jesús Marco González completan o grupo municipal popular para o próximo mandato
Publicado por o día 08/06/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

Alfonso  Marnotes, novo portavoz do PP no Concello

José Alfonso González Marnotes será o novo portavoz do PP no Concello, encabezando un grupo municipal que completarán Teresa Egerique, Patricia López Román e Jesús Marco González.
 
Marnotes é funcionario de carreira e chega ao Concello tras ocupar, nos últimos anos, o posto de director xeral de orientación e promoción laboral da Xunta de Galicia. Con anterioridade, exercera como secretario municipal en Cangas e como vicesecretario na Consellería de Economía.
 
Pola súa banda, a deputada autonómica Teresa Egerique Mosquera, doutora en Ciencias da Información, repite na corporación tras ser concelleira municipal desde o ano 2011. Equipo ao que se incorpora a presidenta da asociación viguesa ‘Mulleres en Igualdade’, Patricia López Román, licenciada en Psicoloxía con ampla actividade profesional no ámbito social como traballadora de Cáritas.
 
Completa o grupo Jesús Marco González Castelo funcionario do Concello desde o ano 2007 e, actualmente, policía local en excedencia voluntaria.
 
“É un grupo renovado e aberto, que aúna mocidade e experiencia e que estou convencida de que abarca todas as áreas posibles. Contará con todo o noso apoio e confianza para atender o día a día da xestión municipal buscando sempre o mellor para Vigo”, indicou a presidenta local, Corina Porro.