Alianza polo Clima chama á activación de políticas climáticas efectivas para o Cume de Marrocos

Publicado por o día 09/11/2016 na sección de ADGC Vigo,Medio Ambiente,Vigo

Alianza polo Clima chama á activación de políticas climáticas efectivas para o Cume de Marrocos

A COP21 alumou un novo tratado sobre cambio climático, o Acordo de París, que entrou en vigor o día 4 de novembro xusto ás portas do Cume de Marrocos e debe traducirse nunha maior vontade política para poñer ao Planeta nunha ruta de seguridade climática. Para cumprir o seu obxectivo final, manter o aumento das temperaturas moi por baixo dos dous graos e facer todo o posible para que non superen o grao e medio, os gobernos deben dotar ao acordo dunha arquitectura firme que garanta unha verdadeira gobernanza internacional. Como as súas contribucións actuais están moi lonxe de ser suficientes, os gobernos en Marrocos deben dar sinais de que a súa aposta é a dun marco lexislativo internacional forte, que nos leve a unha revisión adecuada dos compromisos de maneira regular nos próximos anos. Só unha avaliación seria da idoneidade dos compromisos nacionais e a súa adecuación á magnitude do desafío transformarán en operativo o Acordo de París e poñerannos na senda de evitar a catástrofe climática.

Doutra banda, o Acordo de París significará só compromisos de redución desde 2020 en diante, polo que Alianza polo Clima, plataforma da que forma parte Amigos da Terra xunto a outras 400 organizacións, quere lembrar a todos os gobernos, e especialmente ás institucións europeas e españolas, que as accións antes dese ano son fundamentais para asegurar o éxito da tarefa. Os gobernos reúnense este ano en Marrocos mentres se baten todos os récords históricos sobre temperaturas medias no planeta e mentres superamos as 400 ppm (partes por millón) de CO2 na atmosfera, un nivel de CO2 descoñecido para o planeta desde fai 15 millóns de anos. Xustamente porque non hai tempo que perder, a COP de Marrocos debe dar pasos para galvanizar a acción climática pre 2020.

Para apostar decididamente por políticas de adaptación que nos axuden a adaptarnos ao cambio e por políticas probadas de mitigación do cambio climático, como son a transición dos sistemas enerxéticos cara a fontes 100% renovables, profundas medidas de eficiencia enerxética ou de mobilidade, de agricultura ou de silvicultura sustentables, non hai que esperar a 2020. Nin tampouco para garantir a transición xusta para os traballadores na transformación de todos os sectores. Esta mensaxe é tan extensible ao novo goberno de España como ao resto dos gobernos que se van a dar cita en Marrocos. O momento de ser ambicioso é agora.

Os avances que se necesitan no Cume de Marrocos

En Marrcos, Alianza polo Clima reclama aos gobernos que haxa avances nalgúns temas de particular importancia. En primeiro lugar, hai que ter presente ás persoas en situación de pobreza, que son as principais vítimas, e permitir que poidan acceder a unha enerxía renovable. Os gobernos do mundo comprometéronse en París a dotar con 100 mil millóns de dólares ao ano o Fondo Verde de loita contra o cambio climático para países en desenvolvemento. Máis aló do compromiso, requírese unha folla de ruta clara que incorpore a revisión do monto total do compromiso a impactos climáticos crecentes nestes países. Doutra banda, que se avance rápido no mecanismo de perdas e danos, chamado a compensar ás comunidades que sofren de desastres climáticos, é un elemento fundamental para sinalar que se respecta a xustiza, que se contribúe solidariamente na reparación de danos e que se garante a decencia na gobernanza internacional do cambio climático.

En Marrocos ademais téñense que empezar a definir os instrumentos que deben asegurar a eficiencia e transparencia desta arquitectura, medindo clara e obxectivamente os progresos. As organizacións que conformamos Alianza polo Clima comprometémonos a contribuír no monitoreo e revisión dos compromisos, para iso reclamaremos que se garanta a nosa participación xunto coa dos actores da sociedade civil nos mecanismos de seguimento.