Almuiña afirma que o cadro de profesionais do servizo de urxencias do CHUS está adecuadamente dimensionado para atender á demanda actual

Cada facultativo deste servizo atende ao ano 2.992 pacientes, unha ratio inferior á recomendada polas sociedades científicas
Publicado por o día 21/03/2018 na sección de Sanidad

Almuiña afirma que o cadro de profesionais do servizo de urxencias do CHUS está adecuadamente dimensionado para atender á demanda actual

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou hoxe na súa intervención no Parlamento, que o cadro de profesionais do Servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) está “adecuadamente dimensionado” para atender a demanda actual. Neste senso, indicou que cada facultativo de urxencias atende a 2.992 pacientes ao ano, o que supón unha media de 13,6 pacientes por facultativo e día (contando 220 días laborais).

Esta ratio é “sustancialmente inferior” á recomendada polas Sociedades científicas, tanto pola Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, como pola ACEP americana, que estiman un médico de urxencias por cada 4.445 urxencias e ano.

Neste senso, Almuiña explicou que a dotación coa que conta o CHUS para a urxencia de adultos é de 41 facultativos, 70 enfermeiros, 44 técnicos en coidados auxiliares de enfermería (TCAEs) e 32 celadores (24 máis 8 que atenden a porta de urxencias). Este cadro viuse reforzado durante os últimos meses coa presenza dun médico máis na quenda de tarde, 2 enfermeiros máis na quenda de mañá, 2 TCAE, na quenda diurna e un celador na quenda de tarde. “Se a demanda asistencial o require refórzase con máis persoal segundo as necesidades”, apuntou o conselleiro.

O titular de Sanidade lembrou que o Servizo de urxencias do CHUS atendeu o pasado ano un total de 154.763 urxencias, das que o 80% (122.679) foron de adultos e o 20% (32.084) pediátricas. Isto supón 3.119 urxencias máis que no ano 2016, un incremento a expensas das urxencias de adultos, onde se atenderon 3.435 máis que no 2016. Do total de pacientes atendidos neste servizo, só o 15% requiriron ingreso hospitalario, “a mesma porcentaxe que no ano anterior, o que supón máis de 23.000 pacientes ingresados e unha media de 63 ingresos diarios”, subliñou o conselleiro.

Almuiña indicou que os pacientes son sempre atendidos, primeiro a través o proceso de triaxe, e en función desta, coa prioridade establecida, sendo valorados polo facultativo en función dos niveis da clasificación da triaxe e non segundo a hora de chegada a Urxencias.

En canto a equipamento, o Servizo de urxencias do CHUS conta con 15 monitores multiparamétricos, 8 desfibriladores, 6 respiradores, 4 equipos de Bipap para ventilación non invasiva, 9 electrocardiógrafos, 12 tensiómetros, 7 pulsioxímetros, 4 gasómetros e 1 ecógrafo. Nos últimos dous meses estes equipos forónse incrementando coa adquisición de 20 cadeiras de rodas, 10 paiolas, 3 tensiómetros, 3 pulsioxímetros e 2 electrocardiógrafos. O equipamento reponse de forma continuada, sempre en función das necesidades asistenciais e do seu desgaste polo uso.