Almuiña anuncia a adquisición de novo equipamento electromédico destinado a centros de saúde por valor de 4 millóns de euros

O conselleiro explicou no Parlamento que se trata da compra de 475 aparatos de electrocardiografía, 261 desfibriladores e 27 ecógrafos e destacou que esta é unha das medidas a curto prazo comprometidas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Sanidad

Almuiña anuncia a adquisición de novo equipamento electromédico destinado a centros de saúde por valor de 4 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe no Parlamento que o Servizo Galego de Saúde vai destinar 4.0228.695 euros á adquisición de novo equipamento electromédico para centros de saúde. Segundo lembrou Almuiña, esta é unha das medidas a curto prazo comprometidas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021.

A licitación deste equipamento, publicada hoxe no perfil do contratante, divídese en tres lotes para este ano 2019. O primeiro dos lotes está destinado á contratación de 475 aparatos de electrocardiografía, o lote 2 está destinado a 261 desfibriladores, e o lote 3 destínase á contratación de 27 ecógrafos. Con esta adquisición cúmprese o compromiso adquirido no marco do Plan de Atención Primaria de renovación de equipamento e material de diagnóstico obsoleto dos centros de saúde así como a dotación do equipamento necesario.

Así, este expediente inclúe a renovación dos equipos de electrocardiografía dotados cun módulo de integración cos sistemas corporativos do Servizo Galego de Saúde, o que permitirá que o especialista poida acceder de forma directa aos datos do electrocardiograma. Este modo de traballo permitirá un diagnóstico máis preciso, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Con respecto dos desfibriladores, entre as especificacións técnicas solicitadas destacan que os equipos estean dotados de alta enerxía para a desfibrilación, adquisición de ECG a través de pas e a través de cable de paciente permitindo a súa monitoraxe, o rexistro e almacenamento dos sucesos (en modo manual e semiautomático), así como a incorporación de pas externas reutilizables de uso en pacientes adultos e pediátricos.

Pola súa banda, a renovación dos ecógrafos permitirá a mellora na realización de programas específicos de saúde como: ecografía abdominal, urolóxica, xinecolóxica e de aorta e grandes vasos que permiten ao profesional de atención primaria descartar patoloxías no paciente, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Plan Galego de Atención Primaria

No transcurso da súa intervención no Parlamento, Almuiña destacou que “o Plan Galego de Atención Primaria ten un orzamento concreto, unhas accións concretas e uns obxectivos concretos” o que, segundo dixo, mostra o empeño da Xunta por mellorar a atención primaria no menor tempo posible. Pero tamén lembrou que é necesaria a implicación do Goberno central e doutras administracións, “non só para poñernos deberes ou dicir que van incrementar os servizos sen prover ningunha dotación financeira”

O titular de Sanidade lembrou que o Plan Galego de Atención Primaria conta cun total de 200 accións a desenvolver ata o 2021, das que un 40% son a curto prazo, un 33% a medio prazo e o 27% restante a longo prazo. O plan conta ademais cun orzamento de 102 millóns de euros dos que 79,5 millóns serán para mellorar o equipamento dos centros e tamén para levar a cabo obras de reparación e de reforma; 5,6 millóns irán para medidas de prevención, incrementando o volume de adquisición de vacinas e 17,2 millóns destinaranse a aumentar o persoal;

O aumento de prazas, explicou o conselleiro tradúcense na creación de 331 novos postos que se reparten entre 80 de médicos de familia, 20 de pediatra, 4 de farmacéuticos, 130 de enfermaría, 40 de fisioterapeutas, 20 de matronas, 14 de traballadores sociais, ademais de 17 novas prazas de MIR de medicina familiar e outras 6 prazas de MIR de pediatría.

Ademais destacou o conselleiro outros obxectivos do Plan como a creación dunha Dirección de atención primaria en cada unha das áreas sanitarias, e tamén un órgano unipersoal dentro das áreas sanitarias da dirección de enfermaría.

Aposta pola estabilidade no emprego

Durante a súa intervención no Parlamento, o conselleiro de Sanidade fixo especial fincapé na aposta pola estabilidade no emprego do seu departamento, tanto nesta lexislatura como na anterior. Unha aposta que se caracteriza pola convocatoria de ofertas públicas de emprego, con carácter anual, esgotando a taxa máxima de reposición que nesta OPE de 2019 ata un 108%, ao incluír a cesión de prazas doutros sectores públicos.

Almuiña lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que mantivo as convocatorias anuais das OPE, o que permitirá no horizonte 2017-2020 que arredor de 5.000 persoas accedan a unha praza estable. Á OPE 2019, que oferta 1.323 prazas, hai que engadir outras medidas en prol da estabilidade e da mellora das condicións de emprego como a carreira profesional que beneficiará a máis de 22.000 profesionais, que suporá un incremento medio anual nas retribucións dun 6% e supón a equiparación plena dos dereitos para todo o persoal ou o concurso de traslados aberto e permanente.

Comentar noticia

Your email address will not be published.