Almuiña anuncia a licitación do novo centro de saúde de Bouzas para o mes de marzo

Así o manifestou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, aos veciños cos que se reuniu esta tarde para presentarlles o proxecto de construción
Publicado por o día 16/01/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Almuiña anuncia a licitación do novo centro de saúde de Bouzas para o mes de marzo

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou esta tarde aos veciños de Bouzas o proxecto de construción do novo centro de saúde que contará cunha superficie construída de 743,17 m2, e un presuposto de 1.298.828 de euros. No transcurso desta xuntanza, Almuiña anunciou que a licitación da obra está prevista para o mes de marzo.

O novo centro de saúde vaise distribuír en dúas plantas construídas nunha parcela de 436 m2. A planta baixa contará cunha sala polivalente, sala de medicina xeral, sala de enfermería, vestiarios, recepción, almacén e aseos. Esta planta terá unha superficie construída de 340,53 metros cadrados e un soportal de 38,29 metros cadrados.

Na primeira planta haberá unha sala de espera, dúas salas de medicina xeral, dúas de enfermería, unha sala de xuntas que tamén será sala de persoal e biblioteca e aseos. A segunda planta contará cunha superficie construída de 364,35 metros cadrados. Este proxecto para a nova construción do centro de saúde, respecta a normativa de edificación do casco histórico. Terá ademais capacidade para atender a 9.000 ou 10.000 tarxetas sanitarias.

A Xunta de Galicia cumpre deste xeito o compromiso adquirido cos veciños do barrio vigués de Bouzas a finais do mes de xullo do ano pasado, cando o conselleiro de Sanidade lles presentou o plan funcional do centro de saúde e reitera a aposta do Goberno galego por un sistema sanitario máis próximo, áxil, moderno e eficiente. +