Almuiña asegura que o Sergas traballa para deseñar a Sanidade dos próximos 40 anos en Pontevedra

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou no Parlamento de Galicia que estamos traballando na “parte maís importante que se pode facer, o plan de espazos e o plan funcional, que definan para os proximos 30 ou 40 anos o hospital Gran Montecelo”
Publicado por o día 09/03/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Almuiña asegura que o Sergas traballa para deseñar a Sanidade dos próximos 40 anos en Pontevedra

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou no Parlamento de Galicia que estamos traballando na “parte maís importante que se pode facer, o plan de espazos e o plan funcional, que definan para os proximos 30 ou 40 anos o hospital Gran Montecelo”.

Así mesmo, Almuiña lembrou a total colaboración co Concello de Pontevedra, onde “conseguimos aprobar por unanimidade o convenio co que se dotará ao Gran Montecelo  de servizos”, e insistiu na aposta da Consellería de Sanidade pola participación e consenso de todos os axentes implicados (dende profesaionais ata cidadanía e outros colectivos sociais). “Fixemos presentacións do que queremos facer con todos os sectores sociais e actualmente estamos na fase máis importante, que é o desenvolvemento do plan funcional, onde definimos os servizos, e o seu tamaño”, afirmou.

O conselleiro de Sanidade aclarou que en canto estea pechado este mes de maio o plan funcional “abriremos xa a licitación do plan sectorial, que é unha modificación urbanística complexa” e engadiu “faremos o plan sectorial, as expropiacións, o proxecto de impacto medioambiental e tamén o plan de execución do edificio, por iso no orzamento deste ano, a cantidade é a destinada a facer o plan de espazos e o plan sectorial, porque os plazos son o que son”.

Almuiña, que salientou que o novo hospital “contará cunha superficie superior aos 90.000 m2 e será un edificio de máis do dobre do actual” tamén avanzou que dende a Xunta “entendemos que é desexable un edificio único, con profesionais concentrados nun único edificio e non dispersos en tres”. Con respecto do Hospital Provincial, salientou que estamos “estudando outros usos sanitarios pero trataremos que toda a asistencia sanitaria de agudos quede nun único centro”.

Contratación de transporte sanitario urxente

Tamén en pregunta parlamentaria, Vázquez Almuiña reiterou que o proceso de contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre levado a cabo polo órgano de contratación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realizouse en conformidade ao Texto Refundido da lei de Contratos do Sector Público e o establecido no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, garantindo en todo momento o cumprimento estrito da lexislación vixente.

Destacou así mesmo, que ata o momento as resolucións a once recursos presentados ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales (TACRC) de Madrid foron favorables á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A investigación xudicial actual se presenta contra un traballador en exclusiva da Fundación e por tráfico de influencias. Segundo Almuiña “en ningún momento o 061 foi requirido como investigado e a investigación non está centrada en se puido existir prevaricación”. En conclusión, o conselleiro de Sanidade destacou que “como se pode comprobar a través dos diferentes recursos gañados en todos os casos pola Fundación 061, non existiu durante o proceso ningunha irregularidade”.

Balance de actividade de ADOS

O Servizo Galego de Saúde realizou no 2016 un total de 299 transplantes de órganos nos seus hospitais, sendo o terceiro ano de maior actividade dende que se iniciou na nosa comunidade. Do total de transplantes 135 foron de ril,  cun importante peso do transplante de ril de doador vivo, do que se fixeron un total de 28, un 20,7% do total de transplante de ril en Galicia. Ademais realizáronse: 91 de fígado, cinco de páncreas, 29 de corazón, e 39 de pulmón.

Dende que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2016, xa se levan feitos en Galicia un total de 7.245 transplantes de órganos.

Polo que atinxe á doazón de medula ósea, salientar que Galicia situouse no pasado 2016 como a 4ª Comunidade Autónoma con maior crecemento no número de doadores rexistrados, acadando unha cifra total de 7.854. Deles, 2.272  rexistráronse como doadores de medula ósea no transcurso do 2016. Galicia incrementou, deste xeito, un 41% o número de doadores de medula ósea no pasado ano.

O número de doadores de órganos cadáver en Galicia situouse en 106 (52 na provincia da Coruña, 13 na de Lugo, 7 na de Ourense e 34 na de Pontevedra); con este dato Galicia rexistra o segundo mellor ano en número de doadores nun exercicio, o que supón unha taxa de 39,1 doadores por millón de habitantes.

A taxa de negativas familiares situouse o pasado ano 2016 nun índice de 26,9%, unha cifra que consideramos elevada, polo que é necesario que todos nos impliquemos e colaboremos en concienciar ás persoas e familias da necesidade e os beneficios que reporta a doazón e os transplantes.