Almuiña avanza que a reforma da Lei de saúde permitirá a creación dos distritos sanitarios ligados aos hospitais comarcais de Verín e Cee

As áreas sanitarias dividiranse en distritos, constituídos expresamente como marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital
Publicado por o día 30/08/2017 na sección de Sanidad,Xunta de Galicia

Almuiña avanza que a reforma da Lei de saúde permitirá a creación dos distritos sanitarios ligados aos hospitais comarcais de Verín e Cee

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, reuniuse esta mañá en senllos encontros con alcaldes e representantes municipais da zona de Cee e Verín, para explicar os puntos máis salientables do anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. Almuiña avanzou que a modificación normativa permitirá a creación dos distritos sanitarios ligados aos hospitais comarcais de Verín e Cee, que ata o de agora non contaba con área sanitaria propia.

Os distritos sanitarios serán marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital. A reforma normativa permitirá axustar a lexislación á realidade actual, coa proposta dunha ordenación territorial sanitaria distribuída en áreas sanitarias e en distritos, que serán divisións territoriais desas áreas. Esta adaptación da organización territorial á administrativa suporá un beneficio xeneralizado para o paciente, xa que permitirá ampliar a oferta de recursos asistenciais nos hospitais comarcais. ”Trátase de crear un marco legal que permita mellorar os servizos sanitarios de Galicia”, defendeu Almuiña.

Á reunión desta mañá foron convocados representantes dos concellos ourensáns de Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oimbra, Riós, Verín, Viladervós, e Vilariño de Conso. No outro encontro, participaron representantes dos concellos de Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas. O obxectivo da Consellería de Sanidade con estas xuntanzas é facilitar o maior grao de consenso e participación activa na elaboración da norma. O texto continúa, actualmente, publicado no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia para que toda a cidadanía poida achegar as suxestións que estimen oportunas no que se ampliou o prazo ata o día 1 de setembro.

Vantaxes da nova organización territorial
Actualmente, existen en Galicia sete Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs), 11 áreas sanitarias e 14 hospitais da rede sanitaria pública, tres dos cales -os de Barbanza, Cee e Verín- non se corresponden cunha área sanitaria. Na reunión indicouse que o ámbito das áreas coincidirá co das sete actuais EOXI: A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Vigo.

Outra das vantaxes que recolle a nova organización territorial é que achega ao servizo sanitario á cidadanía e permitirá unha coordinación entre atención primaria e atención hospitalaria máis efectiva, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, protocolos únicos de área, e maior interactuación de profesionais de ambos niveis asistenciais.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, valora moi positivamente estas reunións, que se desenvolveron nun clima de colaboración e cordialidade, en tanto que permite coñecer de primeira man todas as achegas presentadas e aclarar as dúbidas expostas polos representantes municipais. Nestes encontros, tamén participan o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes; o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; e a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado.