Almuiña considera fundamental a creación do rexistro autonómico de pacientes con enfermidades raras na abordaxe destas doenzas

No encontro tamén participou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, quen destacou o traballo de Asfega en apoio das persoas con enfermidades metabólicas
Publicado por o día 28/09/2019 na sección de Galicia,Nigrán,Sanidad

Almuiña considera fundamental a creación do rexistro autonómico de pacientes con enfermidades raras na abordaxe destas doenzas

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña destacou a importancia do Rexistro de pacientes con enfermidades raras de Galicia (RERGA) como paso fundamental na abordaxe integral destas enfermidades. Así o manifestou hoxe no transcurso da XXVIII Convivencia de Enfermidades Metabólicas, que se celebra ao longo de toda a fin de semana na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán), onde subliñou que estas doenzas afectan en Galicia aproximadamente a 200.000 persoas.

Segundo indicou o titular da carteira sanitaria galega, o RERGA vai permitir coñecer a incidencia e prevalencia das patoloxías minoritarias en Galicia, aportar coñecemento sobre a súa evolución e orientar a planificación e xestión sanitaria cara as actividades preventivas, asistenciais e a investigación. Ademais permitirá compartir información co resto das comunidades autónomas, ao colaborar co rexistro estatal, e con outros países. Almuiña tamén lembrou que o Sergas traballa no Plan galego de acción sobre enfermidades raras e anunciou que proximamente constituirase a Comisión Galega de Enfermidades Raras.

Neste encontro, organizado pola Asociación de Fenilcetonúrica e outros trastornos metabólicos de Galicia (Asfega), tamén participou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado. Na súa intervención, destacou a importancia que teñen estas xornadas de convivencia para que os afectados, as familias e os profesionais compartan experiencias e adquiran maiores coñecementos sobre os tratamentos e alimentos máis axeitados ante a patoloxía que padecen. O director xeral de Inclusión Social enxalzou o apoio, asesoramento e información continúa acerca das enfermidades e trastornos metabólicos que desde fai ano realiza Asfega.

Comentar noticia

Your email address will not be published.