Almuiña destaca que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha o Plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C

O Sergas chegou aos 4.188 tratamentos de hepatite C co Plan, dos que 51 corresponden a segundas liñas de medicación a pacientes con retratamentos con antivirais de acción directa.
Publicado por o día 13/06/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Almuiña destaca que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha o Plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha o Plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde. Neste senso, “o Goberno galego temos unha satisfacción do resultado conseguido por este Plan Nacional a nivel da nosa comunidade, plasmado a través dos datos do rexistro galego, e sobre todo de ter respondido ás necesidades e preocupacións dos nosos pacientes e as súas familias”. Así afirmou Almuiña no marco da sesión Políticas de Saúde Pública de Hepatits C en Galicia. Resultados e retos, no que tamén participou o secretario xeral de Sanidade e Consumo do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Javier Castrodeza.

Galicia cuadruplicou o número de tratamentos tras a posta en marcha do Plan estratéxico, e pasou de 1.137 tratamentos iniciados ata chegar aos 4.188 dous anos despois. Desta cifra, 51 corresponden a segundas liñas de medicación a pacientes con retratamentos con antivirais de acción directa (AAD).

Ao analizar os resultados dos tratamentos, o conselleiro destacou unha efectividade global dos antivirais de acción directa do 95,20% e que esta cifra ascende ao 97,09% se non se contabiliza aos doentes que non remataron o tratamento por causas diversas.

Almuiña destacou o importante traballo dos facultativos de medicina e enfermería, pois “grazas ao esforzo realizado na atención sanitaria, os pacientes infectados polo virus da hepatite puideron beneficiarse dunha forma áxil da innovación terapéutica desta patoloxía, e dunha forma homoxénea e equitativa en todos os puntos da nosa xeografía galega”.

Tamén repasou outras actuacións realizadas en Galicia en paralelo ao desenvolvemento do Plan, como as reunións de seguimento realizadas entre o Sergas e as asociacións de pacientes: Asociación Galega de Hemofilia (AGADHEMO), Asociación de Transplantados de Galicia Airiños e a Plataforma de afectados por Hepatite C.

Medicamentos a disposición dos pacientes

Os avances nos últimos anos, e a rápida incorporación de novidades terapéuticas e de novos ADD incluídos no financiamento do Sistema Nacional de Saúde, fixeron necesario contar cun Plan para abordar a Hepatite C de forma homoxénea entre todas as comunidades.

Naceu así o Plan Estratéxico para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde, que aborda a prevención, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos pacientes. Ademáis, establece a obrigatoriedade de facer un rexistro de tratamentos e características clínicas e poboacionais dos pacientes, neste senso Almuiña agradeceu “a implicación e dedicación dos nosos facultativos no rexistro desta actividade no VIXIA-HC, que é a ferramenta que nos permite constatar o éxito desta iniciativa na nosa comunidade”.

O Sergas participa no Comité Institucional no que se analizan e propoñen as liñas de acción comúns a desenvolver nas distintas Comunidades Autónomas en relación co despregue de todas as estratexias recollidas no plan nacional.

Este plan, en principio con vixencia de tres anos, ten como obxectivo diminuír a morbi/mortalidade causada polo virus da hepatite C (VHC) abordando eficientemente a prevención, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos pacientes.