Almuiña destaca que a Oferta Pública de Emprego do Sergas reserva 20 prazas de enfermería especialista en saúde mental

Lembra que a última mesa sectorial aprobou as bases do concurso específico de especialidades de enfermería ademais de 93 prazas de enfermeiras de saúde mental
Por o 21/03/2018 | Sección: Sanidad
Almuiña destaca que a Oferta Pública de Emprego do Sergas reserva 20 prazas de enfermería especialista en saúde mental

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a importancia da formación de persoal de enfermería especialistas na atención á saúde en xeral e a saúde mental, en particular. De aí que na súa oferta de emprego público o Sergas destine un total de 20 prazas para a categoría de enfermeiro especialista en enfermería de saúde mental. Tamén na última mesa sectorial aprobáronse as bases do concurso específico de especialidades de enfermería, ademais de 93 prazas de enfermeiras de saúde mental. Así o indicou hoxe Almuiña no acto de inauguración do XXV Congreso nacional de enfermería de saúde.

Neste senso, o titular de Sanidade subliñou que a atención á saúde require de profesionais cada vez máis preparados e altamente cualificados. Para o conselleiro, a especificidade na atención aos problemas de saúde mental e a demanda social da súa atención xustifican a formación de enfermeiros especialistas “que favoreza a mellora da calidade dos coidados ofrecidos polo equipo, nos diferentes niveis de atención”, indicou.

O conselleiro recalcou que unha das prioridades da Consellería de Sanidade é a prevención do suicidio e, neste senso, fixo mención ao novo Plan de prevención do suicidio en Galicia, presentado en datas recentes. Almuiña considera que esta prevención non se pode abordar exclusivamente dende o ámbito sanitario, senón que é necesaria unha estratexia integral na que estean todos os axentes sociais.

Na súa intervención, destacou o traballo dos profesionais do Programa de Intervención Intensiva en Conduta Suicida desenvolta na Estrutura de Xestión Integrada de Ourense dende o 2008. “Coñecer as experiencias dos equipos, os retos e as barreiras coas que se atopan a diario é fundamental para o adecuado desenvolvemento e a dotación de recursos en saúde mental”, dixo o conselleiro

Tras afirmar que a hospitalización a domicilio tamén é un recurso fundamental para o desenvolvemento e a consolidación do proceso da reforma psiquiátrica, Almuiña indicou que congresos como o que hoxe se inaugurou serven de estímulo para continuar avanzando cara unha mellor atención á saúde mental.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.