Almuiña destacou a firme aposta do Sergas pola hospitalización a domicilio e a súa ampliación a todo o territorio galego

O conselleiro de Sanidade afirmou que o seu departamento traballa a favor da atención paliativa mediante o desenvolvemento do Plan Galego de Coidados Paliativos
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Sanidad

Almuiña destacou a firme aposta do Sergas pola hospitalización a domicilio e a súa ampliación a todo o territorio galego

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a firme aposta do departamento sanitario pola hospitalización a domicilio, sendo consciente da necesidade de proporcionar os mellores coidados ao final da vida nos domicilios dos pacientes. Neste senso, subliñou que o Sergas, tal e como xa anunciara en xullo pasado, na presentación do Plan Galego de Hospitalización a Domicilio, quere non só potenciar esta modalidade asistencial senón estendela a toda Galicia. Así o manifestou hoxe no transcurso da inauguración do Terceiro Forum Multidisciplinar de Avances na Atención Paliativa, celebrado no no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde tamén ratificou o compromiso do departamento sanitario autonómico para cos coidados paliativos.

O conselleiro de Sanidade recalcou que a atención paliativa non é só competencia dos dispositivos específicos de coidados paliativos, senón de toda a rede sanitaria (atención primaria, atención hospitalaria, unidades de coidados paliativos e de hospitalización a domicilio).

Almuiña indicou que o Sergas segue a traballar a favor da atención paliativa integral dos galegos e as galegas que o necesiten, mediante o desenvolvemento do Plan Galego de Coidados Paliativos. E, en concreto, especificou que se está a traballar na planificación de intervencións dirixidas a avaliar o Plan Galego de Coidados Paliativos, a súa actualización e a actuar sobre os puntos de mellora detectados nas distintas áreas sanitarias galegas. Para elo conta coa colaboración da Comisión Galega de Coidados Paliativos e coa implicacións dos profesionais.

Ademais, o titular de Sanidade explicou que o Sergas continuará coa súa labor na capacitación dos profesionais dedicados á atención das persoas con enfermidades avanzadas, establecendo perfís profesionais que permitan adecuar os programas formativos ás necesidades dos enfermos. Tamén sinalou que se dirixirá a atención aos nenos con enfermidades ameazantes ou limitadoras da vida, aos enfermos atendidos en servizos hospitalarios non dedicados aos coidados paliativos pero que tamén atenden a estes pacientes ou en áreas máis afastadas dos hospitais, e onde a atención primaria ten un papel máis importantes, se cabe.

Finalmente, Almuiña subliñou que o Sergas tamén seguirá a traballar na mellora da identificación dos pacientes e das súas necesidades, así como na consecución dunha atención verdadeiramente integral e paliativa, que leve a unha fase final da vida digna e sen sufrimento.

“Para conseguir todo isto é necesario cambiar dinámicas e rutinas, promover roles profesionais e romper barreiras nun sistema sanitario dirixido á verdadeira integración dos axentes implicados”, afirmou o conselleiro de Sanidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.