Almuiña esixe que o concerto con Povisa se cumpra nos termos acordados para o mantemento dos postos de traballo e da calidade asistencial

O conselleiro afirmou hoxe no Parlamento que a compra do hospital por Ribera Salud é unha decisión empresarial que non ten que afectar á calidade asistencial na área sanitaria nin as condicións do persoal
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Almuiña esixe que o concerto con Povisa se cumpra nos termos acordados para o mantemento dos postos de traballo e da calidade asistencial

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, afirmou que a adquisición de Povisa por parte do grupo Ribera Salud non ten que afectar ao concerto do Sergas co hospital. Así o dixo hoxe Almuiña en sede parlamentaria, tras recordar que o concerto está vixente ata 2022, polo que o Sergas continuará esixindo o seu cumprimento “nos términos acordados e pactados”.

O Sergas, segundo informou o conselleiro, cumpriu en todo momento, escrupulosamente, as condiciones do concerto. En xaneiro de 2019, asinouse unha modificación de determinadas condicións do concerto, “para permitir manter o nivel de emprego de Povisa, apostando por un emprego estable e de calidade, garantindo para iso os niveis de actividade necesaria que unicamente o mantemento do concerto pode asegurar”, dixo Almuiña.

O conselleiro insistiu en que a principal preocupación do Sergas respecto a Povisa sempre foi o mantemento da calidade asistencial e dos postos de traballo, independentemente de quen fora o propietario do hospital. Coa venta de Povisa, estase a falar “dunha decisión empresarial ”, dixo Almuiña, “cunha multinacional que xestiona servizos sanitarios en distintos países do mundo”, e que non se trata dun fondo financeiro ou inversor.

Entre estas modificacións, o conselleiro destacou ademais a asunción do Sergas do custe da medicación hospitalaria de dispensación ambulatoria para pacientes externos; establecer mecanismos para facilitar que Povisa puidera beneficiarse de condicións económicas na adquisición de produtos; dar unha solución ao financiamento da función docente postgraduada vinculada ao sistema MIR; e incorporar a posibilidade de que Povisa realizara actividades programadas de procesos médicos e cirúrxicos e probas diagnósticas de pacientes en lista de espera da EOXI de Vigo, así como probas complementarias de pacientes de programas de cribado.

Almuiña referiu que se o Sergas non avaliase a situación e modificase o concerto cando se presentou o preconcurso de acredores, “probablemente Povisa non existiría, e tampouco os 1.500 postos de traballo que supón”.

O conselleiro lembrou que o concerto con Povisa existe dende o ano 1976 e que foi renovado no 2000, prorrogado en 2008 e que o concerto actual foi formalizado en 2014, cun prazo de execución de oito anos. Os cidadáns teñen dereito de elección de centro, que poden exercer anualmente, tal e como se recolle no concerto de 2014, e no que se establece un teito de poboación de 139.000 persoas. Na actualidade, en Povisa aténdense unhas 135.000 persoas, unha cifra que se vén mantendo estable. No vindeiro mes de maio volverá a abrirse a opción de cambio, para que a cidadanía poida elixir en que centro quere ser atendida.

Comentar noticia

Your email address will not be published.