Almuiña garante que O Barco de Valdeorras manterá todos os recursos materiais e humanos no eido da sanidade pública

O conselleiro de Sanidade destacou a aposta do Sergas por achegar os servizos aos cidadáns
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Sanidad

Almuiña garante que O Barco de Valdeorras manterá todos os recursos materiais e humanos no eido da sanidade pública

O Barco de Valdeorras mantén e manterá todos os seus recursos materiais e humanos. Así o afirmou hoxe en sede parlamentaria o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen ademais manifestou o firme compromiso do seu departamento en achegar os servizos aos cidadáns, atendendo e resolvendo as súas necesidades en materia sanitaria no lugar máis próximo ao seu domicilio.

O titular da carteira sanitaria galega asegurou que na atención primaria de Valdeorras cubríronse as xubilacións e que, dado o déficit de profesionais que existe actualmente en todo Sistema Nacional de Saúde, cubriranse sempre que sexa posible facelo.

Cómpre subliñar, neste senso, que o Sergas leva traballando de forma planificada en medidas para incrementar a estabilidade, reter o talento e mellorar as condicións laborais dos profesionais. Entre as medidas atópanse as OPEs anuais, a prolongación da idade de xubilación, o concurso aberto e permanente, a carreira profesional, o contrato de nomeamento eventual de continuidade ou a creación de especialidades en enfermerías e a recente aprobación do Novo Plan Galego de Atención Primaria (2019-2021).

Almuiña tamén lembrou a aposta do Sergas por reforzar o papel dos hospitais comarcais, como neste caso, o de Valdeorras, mellorando a súa capacidade de resolución e os seus servizos. Isto evitou que preto de 40.000 pacientes de Valdeorras tiveran que viaxar, nos últimos cinco lustros, ata Ourense para acudir a consultas ou facer probas diagnósticas de especialidades que ata ese momento só se ofertaban no Complexo Universitario de Ourense (cardioloxía, dixestivo, endocrinoloxía, neuroloxía, oncoloxía e reumatoloxía). Tamén se puxo en marcha no Hospital Comarcal de Valdeorras a unidade de Hospitalización a Domicilio e de Coidados Paliativos.