Almuiña salienta que nos centros do Sergas se substitúen todas as ausencias de persoal necesarias, tendo en conta a demanda asistencial

Publicado por o día 22/06/2017 na sección de Sanidad,Xunta de Galicia

Almuiña salienta que nos centros do Sergas se substitúen todas as ausencias de persoal necesarias, tendo en conta a demanda asistencial

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe no Parlamento que a xestión e a planificación das substitucións no Sergas se realizan tendo en conta a demanda asistencial, é dicir, substitúense o 100% das ausencias que se precisen, en función das necesidades de cada centro. Proba disto, salientou, é que habitualmente se esgotan as listas de profesionais dispoñibles, especialmente no que se refire á enfermería e medicina de familia.

Neste sentido, indicou que o Servizo Galego de Saúde dispón de sistemas de información que facilitan datos obxectivos, cuantitativos e cualitativos, sobre a asistencia sanitaria, tanto no referente a consultas externas, probas diagnósticas, hospitalización e asistencia en urxencias como sobre o tipo de patoloxía atendida e complexidade do paciente. Estes sistemas de información son unha ferramenta fundamental no ámbito da xestión sanitaria e son obxecto de análise para a planificación sanitaria durante todo o ano.


No que atinxe ao período estival, a planificación elabórase tras un estudo no que se ten en conta a frecuentación das distintas áreas hospitalarias, e en cada área sanitaria concreta, en períodos similares anteriores. Este tipo de planificación faise todos os anos en todos os servizos de saúde. Nestas datas, observou Almuiña, diminúe a demanda asistencial debido pola diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías, ao que se suman os descansos por vacacións dos profesionais.

Neste ano, explicou, durante os meses de verán a porcentaxe de camas funcionantes será superior á porcentaxe media de ocupación durante o ano 2016; e que, en todo caso, as camas funcionantes poderían incrementarse en función da demanda asistencial, xa que as camas hospitalarias están todas dispoñibles, de acordo coas necesidades de hospitalización dos pacientes, en todo momento.

Instalación de equipamentos do Socio Tecnolóxico

Doutra banda, sobre o concurso Socio Tecnolóxico, o conselleiro afirmou que se están  cumprindo os prazos de instalación dos equipamentos. No caso dos aceleradores hai instalados cinco equipos e outros tres en instalación, dun total de 10 previstos dende 2015 ata o 2023. No referido aos mamógrafos, xa están instalados 15 dos 16 previstos para o mesmo prazo e o equipo restante está en instalación.

A través deste concurso, explicou Almuiña, se puxo en marcha a “maior renovación tecnolóxica ata a data en Galicia”. Renovar o parque tecnolóxico, con moitos equipamentos ao final da súa vida útil, e poder dispoñer da mellor tecnoloxía para o diagnóstico e tratamento dos pacientes foi considerado como unha necesidade e unha prioridade á que había que dar adecuada resposta, salientou.