Almuiña salienta os últimos avances en oncoloxía radioterápica, “unha verdadeira revolución” nesta especialidade

Avoga por priorizar obxectivos e empregar os recursos coa maior efectividade, destacando o esforzo que fai o Sergas para actualización do equipamento de alta tecnoloxía, cun investimento de 88 millóns de euros en 8 anos
Publicado por o día 27/05/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

Almuiña salienta os últimos avances en oncoloxía radioterápica, “unha verdadeira revolución” nesta especialidade

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe que a incorporación de importantes avances diagnósticos e tecnolóxicos no eido da oncoloxía radioterápica permitiu mellorar de forma notable a precisión e a calidade dos tratamentos, permitindo deseños máis personalizados, máis eficaces contra o tumor e menos tóxicos para o paciente.

Neste sentido, na clausura do acto do XX Aniversario de Oncoloxía Radioterápica da Estrutura Organizativa de Xestión Integradada (EOXI) de Vigo salientou que nos últimos anos houbo tres saltos tecnolóxicos relevantes para a especialidade. Comezou referíndose á incorporación das técnicas de imaxe diagnóstica á planificación dos tratamentos de radioterapia. Actualmente, dixo, os servizos de Oncoloxía Radioterápica contan con TAC de planificación propios e sistemas de fusión de imaxe con resonancia e PET-TAC que permiten delimitar adecuadamente o volume tumoral que se debe irradiar.

En segundo lugar, dixo, os modernos sistemas de planificación permiten mellorar a distribución da dose de irradiación sobre o tumor. Con eles é posible, mediante a radioterapia conformada 3D e a radioterapia de intensidade modulada, administrar doses máis altas ao tumor e doses baixas ao tecido san circundante, alcanzando con iso unha maior destrución tumoral con menos efectos secundarios.

En terceiro lugar, os aceleradores lineais de última xeración permiten administrar as doses de irradiación dunha forma máis rápida e segura, cunha gran precisión, verificando mediante sistemas de imaxe guiada (IGRT) a correcta administración dos tratamentos.

Estes últimos avances, declarou o conselleiro, supuxeron unha “verdadeira revolución na especialidade”, xa que ao poder administrar con seguridade doses moi altas ao tumor abren un abanico de posibilidades en canto a indicacións de tratamento e esquemas de fraccionamiento.

Na súa intervención, Almuiña avogou por priorizar obxectivos e empregar os recursos coa maior efectividade, e destacou que dende o Sergas se está a facer un importante esforzo de renovación e actualización do equipamento de alta tecnoloxía cun investimento de 88 millóns de euros en oito anos.

Tamén salientou o papel dos profesionais, “competentes e comprometidos”, e da importancia de contar cunha axeitada organización das actividades. O establecemento dun circuíto básico, observou, faise esencial no diagnóstico: “Aí temos as vías rápidas, co obxectivo de axilizar a atención, de aumentar a efectividade e a eficiencia de todas as actuacións”, sinalou o titular de Sanidade.

Neste sentido, indicou que a aplicación da metodoloxía de procesos no manexo do paciente oncolóxico pode axudar a diminuír a variabilidade na súa abordaxe, evitando que persoas con procesos similares poidan recibir tratamentos diferentes.

En Galicia, no período de 1980-2015 o cancro foi a segunda causa de morte, despois das enfermidades cardiovasculares. Por tramos de idade, entre 35 e 54 anos supón a primeira causa de morte, e é a segunda en nenos de entre 1 e 14 anos.