Almuiña visita as obras de ampliación das urxencias do Hospital da Barbanza que mellorarán notablemente o confort e a capacidade de resolución dos profesionais

Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Sanidad

Almuiña visita as obras de ampliación das urxencias do Hospital da Barbanza que mellorarán notablemente o confort e a capacidade de resolución dos profesionais

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe a reforma e ampliación das urxencias do Hospital da Barbanza, nas que o Sergas vai investir 1,4 millóns de euros, e cuxo prazo de execución sitúase en 7 meses e medio. A obra, que se iniciou o pasado mes de decembro, abrangue unha superficie construída de preto de 1.100 metros cadrados, dos cales 806 serán útiles. Está deseñada en diversas fases co obxecto de reducir ao mínimo posible o impacto no servizo e mellorará notablemente o confort e a capacidade de resolución dos profesionais. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu a colaboración de todo o persoal do servizo de urxencias neste proxecto, así como a súa implicación no mesmo.

As novas urxencias terán área de admisión, 8 boxes, 1 box de críticos, 1 box de pediatría, control de enfermería, sala de observación con 8 camas e aseo, sala de observación con cadeiras e aseo propio, sala de observación pediátrica con aseo, salas de espera de pacientes e outra para familiares, sala de triaxe e dúas consultas filtro, entre outras dependencias.

A ampliación desenvólvese nun único andar e precisa da demolición total por fases da área de urxencias para a optimización espacial da mesma. A obra vai supoñer un novo esquema funcional por bandas que consta de dous accesos diferenciados, o principal de urxencias e un exclusivo para padiolas, con circulacións separadas.

A zona máis ambulatoria vólcase cara ao acceso principal na fachada leste, mentres que a zona de boxes lévase cara a fachada oeste. A sala de observación, xunto co control de enfermería, situarase no centro da proposta, de maneira que funcione como punto neurálxico da mesma, limitando as circulacións e mantendo un control total de todo o conxunto.
Para garantir o confort térmico e acústico da actuación, realizarase unha nova envolvente para o volume, respectando o sistema construtivo orixinal de muro cortina na zona de triple altura da fachada oeste, e executando un novo pano de fachada no resto. Para garantir o comportamento térmico de todo o conxunto, substituirase a impermeabilización da cuberta orixinal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.