Alternativa Galega inicia campaña de información contra o pelotazo de Porto Cabral

Publicado por o día 28/04/2014 na sección de Anova,EQUO,Esquerda Unida,Política

Alternativa Galega inicia campaña de información contra o pelotazo de Porto Cabral

As forzas que compoñen Alternativa Galega de Esquerdas en Vigo (Espazo Ecosocialista, Equo, Esquerda Unida e Anova) inician unha campaña informativa no centro de Vigo para loitar contra o pelotazo urbanístico de PortoCabral.

Durante estas semanas repartiranse notas informativas sobre o que segundo AGE podería ser o maior pelotazo urbanístico dos últimos tempos, e recolleranse sinaturas para pedir a anulación da ficha de Liñeiriños do PXOM, xa que segundo AGE esta ficha incumple a lei de montes e as directivas europeas de protección ambiental, e a súa anulación é o único xeito de protexer o monte de Cabral fronte a entes especuladores coma Eurofund, agora e no futuro.

No que segundo AGE podería ser o maior pelotazo urbanístico dos últimos tempos, o fondo de inversión británico Eurofund, contando co total apoio do alcalde de Vigo, planea facerse con 300000 metros cadrados de monte en Liñeiriños, na súa maior parte monte mancomunal pertencente á comunidade de montes de Cabral, para desenvolver un suposto macrocentro comercial. Os comuneiros de Cabral xa votaron o pasado decembro en contra dunha expropiación ‘pactada’ dos terreos, a pesaren das presións exercidas dende o Concello, coas declaracións na prensa da concelleira de urbanismo días antes da votación afirmando que os terreos serían expropiados con ou sen aceptación por parte dos comuneiros.

Dende Alternativa Galega de Esquerdas de Vigo queremos manifestar a nosa total oposición ao proxecto de PortoCabral e o noso apoio aos veciños afectados de Liñeiriños, e esixir que dende as institucións se protexa o noso medio natural fronte a especulación e que se cumpran as directrices europeas de protección ambiental.

Dende AGE queremos denunciar a falta de transparencia no que respecta as negociacións levadas a cabo entre o Concello e Eurofund para facerse cos terreos. Negociacións feitas de costas á cidadanía e contra a vontade dos comuneiros de Cabral e os veciños afectados. Durante este proceso, o alcalde e edís municipais, supostamente ao servicio da cidadanía parecen estar mais ben ao servicio dun ente privado como Eurofund.

Dende AGE sinalamos a dubidosa solvencia e escuras maniobras de Eurofund para facerse co monte. Detrás de Eurofund hai unha empresa pantalla con matriz en Holanda, unha formula utilizada típicamente para a evasión fiscal.

Eurofund xa estivo implicada en prácticas presuntamente irregulares no proxecto que pretendían desenvolver en Collado Villalba (Madrid). De feito, o Concello de Collado está denunciado ante a fiscalía anticorrupción polo proxecto homólogo a PortoCabral, tamén impulsado por Eurofund.

Dende AGE opoñémonos a que o noso patrimonio natural se destrúa para que un grupo de especuladores faga negocio.

De levarse a cabo, un macrocentro comercial destas características tería consecuencias nefastas para o comercio local e precarizaría a medio prazo o emprego na comarca. Suporía ademais a perda do parque forestal e o cinturón verde de Vigo.

A falta de concreción sobre o proxecto, a premura de Eurofund por facerse cos terreos non momento no que ninguén se arrisca a abrir negocios fannos pensar que o que está detrás deste suposto macroproxecto é en realidade unha futura operación de especulación urbanística.

Non é a primeira vez que un ente especulador pon os ollos no monte de Cabral. Xa ING Real State (tamén implicada no pelotazo urbanístico de Finca do Conde) lanzara unha ofensiva no 2008 para facerse cos terreos de Liñeiriños. O monte de Liñeiriños atópase nun enclave estratéxico, preto do centro de Vigo e con vistas ao mar. O único xeito de protexer este monte, non só de Eurofund se non de futuros especuladores é erradicar do PXOM a ficha de Liñeiriños. Esta ficha, un dos proxectos estrela do PXOM de Vigo, foi aprobada en contra da lei de montes e das directrices europeas de protección ambiental. Por iso, dende AGE Vigo iniciamos unha campaña informativa e de recollida de sinaturas para pedir a anulación da ficha de Liñeiriños do PXOM.

PRENSA AGE