Alumnado de Dereito somérxese nos lindes entre a xurisdición administrativa e a penal

É a primeira actividade aberta deste curso que se celebra no centro
Publicado por o día 13/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

Alumnado de Dereito somérxese nos lindes entre a xurisdición administrativa e a penal

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia As relacións entre as xurisdicións contencioso-administrativa e penal, ofrecida por Manuel Rebollo Puig, catedrático de Dereito Administrativo da Universidad de Córdoba. O acto estivo organizado polo centro, o Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública e o Mestrado da Avogacía.

Durante a súa intervención Rebollo abordou “os lindes” entre a xurisdicións contencioso-administrativa e a penal. Para axudar a entender os casos nos que o exercicio da separación entre o dereito penal e o administrativo non é tan “simple”, o experto iniciou a súa intervención abordando a orixe da xurisdición administrativa, que, indicou “non naceu para o que hoxe pensamos”. Así remontouse a como na Ilustración, no marco da división de poderes e coa idea de que “os xuíces non se metesen a controlar a administración”, se creou esta xurisdición administrativa. Nos seus inicios, apuntou o xurista, e na actualidade aínda en países como Francia ou Bélxica, esta xurisdición foi exercida non por xuíces senón por funcionarios procedentes da propia administración.

Na actualidade, detallou Rebollo Puig ao profesorado e o alumnado de grao e mestrado presentes, en España a xurisdición administrativa é exercida por xuíces e os asuntos nos que esta xurisdición pode “tocar” coa xurisdición penal foron resumidos por este catedrático  en dous grandes grupos. Por un lado, estarían os casos de particulares que incumpren normas administrativas e por outro os de autoridades e funcionariado que no exercicio dos seus cargos incumpriron o dereito administrativo. Ao longo da súa intervención, o xurista abordou estes dous escenarios, exemplos deles e un amplo abano de cuestións que afloran nos lindes entre as dúas xurisdicións, como o solapamento de delitos ou a imposibilidade do dobre castigo por un delito.  /