Alumnado de Pontevedra pide menos CO2 e máis PO2

No marco dunha acción artística dentro da campaña Efecto PO2, alumnado de 13 centros educativos elaborou un manifesto no que demandan medidas para loitar contra o cambio climático e a preservación do planeta
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Alumnado de Pontevedra pide menos CO2 e máis PO2

Sen excusas para traballar por un planeta seguro e máis limpo, con máis árbores, máis enerxías renovables, máis composteiros, con menos coches, sen celulosa na ría e no que se substitúan “os gases contaminantes, como o CO2, por gases de vida e esperanza como o PO2, para que o mundo cada día se vaia parecendo un pouquiño máis a Pontevedra”. Estas son algunhas das demandas que alumnado de infantil e primaria de Pontevedra incluíu nun manifesto ao que deu lectura esta mañá no parque das Palmeiras, no marco dunha acción artística dentro da campaña ‘Efecto PO2’. A lectura do manifesto formou parte dun acto ao aire libre co que se abriu a exposición das lonas ecolóxicas nas que os nenos e nenas plasmaron a súa visión de como convertir o planeta nun lugar
mellor e loitar contra o cambio climático, e que contou coa participación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e do concelleiro de Educación, Tino Fernández.

Fernández Lores agradeceulles todo o esforzo realizado tanto ao alumnado como ao profesorado, asegurando que “é un manifesto que podería asinar eu perfectamente” e salientou que “está moi traballado e estou asombrado do esforzo que fixestes para recoller aspectos que hai que mellorar e das repercusións negativas que ten o cambio climático”. Neste sentido, o alcalde comprometeuse “a seguir traballando na liña que vós puxestes no manifesto” e citou algúns dos puntos recollidos polo alumnado: reducir aínda máis o número de coches que non sexan necesarios, promover que as persoas se movan coa enerxía propia, acondicionar máis sendas, seguir reducindo a contaminación lumínica, implementar novas tecnoloxías para traballar a prol das enerxías limpas, seguir
plantando árbores e acondicionar novos parques forestais, reducir a produción de lixo e incrementar a compostaxe, e seguir loitando para que as fábricas contaminantes que están na ría se ubiquen noutros lugares.

O alcalde tamén lles lembrou aos nenos e nenas participantes no acto que “sodes xa o presente deste país e deste planeta pero sodes tamén o futuro, e sodes os que mañá ides tomar decisións para que o planeta sexa cada vez mellor e eu teño moita confianza en vós para acadar un país e un planeta cada vez mellor”.

Na intervención artística participaron un total de 716 rapaces e rapazas dos centros Álvarez Limeses, Santo André de Xeve, San Martiño, Barcelos, Ponte Sampaio, Cabanas, Campolongo, Carballeira, Vilaverde, San Benito, Verducido, Vidal Portela e Marcón. A acción fora posta en marcha a finais do ano pasado desde a Concellaría de Promoción da Cidade co obxecto de sensibilizar e concienciar sobre a importancia do valor e respecto polo medio ambiente e sobre como axudar ás cidades a potenciar e favorecer modelos urbanos que loiten contra o cambio climático e sexan modelos urbanos saudables, seguros e beneficiosos para as persoas. Así, a reflexión sobre o modelo urbano de Pontevedra e as súas políticas de transformación urbana foron un eixo fundamental nos obradoiros realizados nos centros educativos.

Manifesto lido polo alumnado

OS NENOS E AS NENAS DE PONTEVEDRA SABEMOS O QUE ESTÁ A PASAR CO
CLIMA. SABEMOS QUE A ACUMULACIÓN DE GASES CONTAMINANTES FAI QUE AS
TEMPERATURAS AUMENTEN CADA VEZ MÁIS E QUE OS CLIMAS CAMBIEN: ISTO
PROVOCA SEQUÍAS, AUMENTA O RISCO DE INCENDIOS E A DESERTIZACIÓN DO
NOSO PLANETA.
DESDE AQUÍ QUEREMOS DICIRLLES ÁS PERSOAS MAIORES QUE TAMÉN TEMOS
DEREITO A VIVIR CON SAÚDE, A GOZAR DA NATUREZA, A SENTIR AS ESTACIÓNS
DO ANO, A PASEAR POR RÍOS CHEOS DE VIDA, A NADAR NAS PRAIAS E A GOZAR
DA NOSA RÍA… E PARA ISO É NECESARIO CAMBIAR MOITAS COUSAS E QUE OS
MAIORES TOMEN EN SERIO O QUE ESTÁ A PASAR CO CLIMA, PORQUE QUEREMOS
HERDAR UNHA CASA LIMPA E UN PLANETA SEGURO! PORQUE COMO DI GRETA
THUMBERG, ACÁBASENOS O TEMPO E AGOTÁRONSEVOS AS ESCUSAS!!
DURANTE ESTES ÚLTIMOS MESES NAS ESCOLAS DE PONTEVEDRA QUIXEMOS
IMAXINAR, DUN XEITO ARTÍSTICO, OUTRO MUNDO POSIBLE:
UN MUNDO QUE EMPREGUE MÁIS ENERXÍAS RENOVABLES.
UN MUNDO NO QUE CIRCULEN MENOS COCHES.
UN MUNDO NO QUE USEMOS MÁIS A NOSA PROPIA ENERXÍA, CAMIÑANDO MÁIS E
USANDO A BICICLETA.
UN MUNDO SEN LIXO NOS RÍOS, NAS RÍAS E NO MAR.
UN MUNDO NO QUE SE PROTEXA OS ANIMAIS.
UN MUNDO QUE RECICLE, QUE REDUZA E QUE REUTILICE OS SEUS RESIDUOS.
UN MUNDO QUE PROTEXA OS MONTES E AS ÁRBORES.
UN MUNDO QUE NON SOBREEXPLOTE OS RECURSOS NATURAIS…
SABEMOS QUE ESTE MUNDO POSIBLE EMPEZA POR NÓS, NA NOSA PROPIA CASA,
NA ESCOLA, NA NOSA PROPIA CIDADE, POR ISO NOS GUSTARÍA…
QUE EN PONTEVEDRA SUBSTITUÍRAN AS BOLSAS DE PLÁSTICO POR BOLSAS DE
TEA E DE PAPEL
QUE HOUBERA AÍNDA MENOS COCHES CIRCULANDO POLA CIDADE.
QUE SE USARA MÁIS O TRANSPORTE PÚBLICO.
QUE SE EMPREGARAN MÁIS ENVASES DE VIDRO E NON DE PLÁSTICO.
QUE SE UTILIZARAN MÁIS ENERXÍAS RENOVABLES.
QUE SE COIDARA DOS ANIMAIS.
QUE SE PUXERAN MÁIS COMPOSTEIROS NAS RÚAS.
QUE SE PRANTARAN MÁIS ÁRBORES.
QUE SE CAMBIARA A CELULOSA DE SITIO
QUE SEXA OBRIGATORIO RECICLAR
E QUE SE CONTINÚE REDUCINDO A CONTAMINACIÓN.
E, SOBRE TODO, SUBSTITUIR OS GASES CONTAMINANTES, COMO O CO2, POR
GASES DE VIDA E DE ESPERANZA COMO O PO2, PORQUE QUEREMOS QUE O
MUNDO CADA DÍA SE VAIA PARECENDO UN POUQUIÑO MÁIS A PONTEVEDRA!
CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO, MENOS CO2 E MÁIS PO2!!
PONTEVEDRA POLO FUTURO DO PLANETA

Comentar noticia

Your email address will not be published.