Alumnado do CPI José García de Mende achégase ao campus para coñecer a Sala Alterarte

O obxectivo da visita é que coñezan espazos expositivos da contorna
Publicado por o día 15/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Alumnado do CPI José García de Mende achégase ao campus para coñecer a Sala Alterarte

Desde o pasado 16 de marzo e ata o 18 de maio, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a intervención Ser un lugar, do artista lucense Jesús Otero-Yglesias e curada por Monse Cea. A mostra, que se enmarca na cuarta edición do proxecto expositivo desta sala Estado Crítico. 12 Curador*s 12 Artistas, foi visitada este martes por estudantes de cuarto curso de Educación Secundaria do CPI José García de Mende, que tiveron a oportunidade de ver como, a través de puntais e de poesía de Carlos Oroza, o creador racha o espazo e xoga co tempo para trasladar ás e aos visitantes a un lugar discursivo propio.

Con elas e eles estivo o docente do CPI José García de Mende e creador Xosé Poldras, que sinalou como no marco da súa materia de Plástica o alumnado deste centro visita cada curso os principais espazos expositivos da cidade, como foi este martes a Sala Alterarte. O obxectivo da iniciativa, indicou, é que o alumnado se familiarice con espazos artísticos que teñen na súa contorna e que poden visitar de balde.