O alumnado do IES de Mos enche o Multiusos das Pozas durante a acción poética e concienciadora de Tamara Andrés

A xove promesa da poesía galega conduciu o acto mosense incluído no programa MULLERES EN ACCIÓN #ViolenciaZero
Por o 20/12/2017 | Sección: Galicia,Mos
O alumnado do IES de Mos enche o Multiusos das Pozas durante a acción poética e concienciadora de Tamara Andrés
Compartir en:

A poeta Tamara Andrés ven de realizar unha acción no Multiusos das Pozas para o alumnado da ESO e Bacharelato do IES de Mos dentro da iniciativa provincial MULLERES EN ACCIÓN #ViolenciaZero. O estudantado mosense estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a concelleira mosense de Política Social e Cultura, Sara Cebreiro, a edil de Participación Cidadá do Concello de Mos, Julia Loureiro, e a deputada provincial Digna Rivas.

O de Mos é o terceiro Concello da provincia que dende o pasado 25 de novembro participa no programa MULLERES EN ACCIÓN, tan só precedido polos de Pontevedra e Vigo, onde as artistas Ana Matey e Verónica Ruth Frías, respectivamente, levaron a cabo sendas performances.

A artista encargada da posta en escea do acto celebrado esta mañá en Mos, Tamara Andrés, é unha xove promesa da poesía galega, que hoxe presentou na localidade mosense ‘O Devezo da Balea’. Andrés compaxina a escrita coa tradución, a interpretación e a actividade docente. No ano 2015 gañou o Premio de Poesía O Facho. En prosa tamén obtivo diversos premios.

Mos pola igualdade e contra a violencia

O municipio de Mos súmase a MULLERES EN ACCIÓN #ViolenciaZero, co que aumenta o número de iniciativas locais para o fomento da igualdade e a erradicación da violencia de xénero. Así, o de Mos é o primeiro Concello da Provincia de Pontevedra que aproba en Pleno, e ademais por unanimidade dos membros da Corporación, a inclusión na Guía de Linguaxe non Sexista da Deputación de Pontevedra (proposta que se levou á sesión plenaria ordinaria do pasado mes de novembro); conta dende o pasado verán co seu propio CIM (Centro de Información á Muller); e creou e apoia ao Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade de Mos ‘As Ghaliñas de Mos’; entre outras moitas accións municipais.

Pola súa banda o programa MULLERES EN ACCIÓN da Deputación ten a premisa de transformar o traballo das mulleres artistas participantes nun grito de denuncia. Ao tempo que se apoia e se visibiliza ás creadoras contemporáneas, ponse o foco sobre a tremenda lacra da violencia machista que azouta cada día á nosa sociedade. O obxectivo é que as palabras que conforman o título do programa se transformen algún día en realidade e celebremos a igualdade nun mundo que será un lugar máis xusto e mellor, libre de violencias.

MULLERES EN ACCIÓN rematará en novembro de 2018 contando ao longo de 12 meses con actividades artísticas a cargo de mulleres entre as que se atopa a cantante mosense Uxía Senlle, que actuará en xullo do ano que ven en A Guarda. Uxía Senlle naceu na parroquia mosense de Sanguiñeda en 1962 e é unha das maiores embaixadoras da música e da poesía galegas. A súa carreira artística comezou oficialmente en 1985, cando gañou o primeiro premio do Festival de Bergantiños. Pouco tempo despois o grupo Na Lúa, un dos grandes referentes do folk galego, produciu o seu primeiro disco, ‘Foliada de marzo’ (1986). Uxía cre na música como empoderamento e arma favorecedora da autoestima. En A Guarda fará unha intervención musical participativa na que se pide ao público que traia diferentes instrumentos de percusión (cunchas, pandeiretas, paus, etc.) para formar parte dun canto colectivo cheo de forza, guiado por unha das voces máis populares de Galicia.