O alumnado máis pequeno do CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa, ‘A voltas coa compostaxe’

Esta semana haberá obradoiros e xogos e o centro disporá dunha exposición explicativa
Publicado por o día 01/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O alumnado máis pequeno do CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa, ‘A voltas coa compostaxe’

O alumnado do CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa é un dos centros escolares da provincia que nesta semana está ‘A voltas coa compostaxe’. Este é o título dun dos obradoiros organizados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza nos que máis de 180 nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria do centro participaron co fin de aprender como xestionar o lixo orgánico de xeito ambientalmente sostible.

Para as rapazas e rapaces de 1.º e 2.º de Primaria fíxose unha charla divulgativa cun achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Isto complétase con varios xogos programados para toda a semana, entre os que destaca o ‘Xogo da miñoca’, unha variación da oca na que, formando equipos, as rapazas e rapaces teñen que resolver preguntas sobre como acadar un bo compost para ir avanzando casiñas nun grande mural colocado no chan.

Ademais destas actividades no colexio tamén se instalará unha exposición sobre compostaxe na que se explican moitos dos aspectos relacionados co tratamento dos residuos orgánicos no composteiro. A diferencia doutros centros educativos da provincia, o CEIP A Lomba xa estaba familiarizado coa compostaxe, posto que dispón dun composteiro que o persoal que imparte as charlas supervisará estes días para comprobar o seu correcto funcionamento.

A intención destes obradoiros, que a Deputación realiza ao abeiro dun convenio co Centro de Información e Divulgación Ambiental de Galicia –CEIDA–, é concienciar ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

O Concello de Vilagarcía de Arousa, hai que lembrar, é un dos 36 concellos da provincia adheridos ao Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra. De feito, xa hai instalados centros de compostaxe comunitaria en barrios do municipio que están a funcionar de xeito positivo grazas á implicación da veciñanza, que deposita alí de xeito constante os seus residuos orgánicos en lugar de nos colectores verdes. Deste xeito, nas zonas onde están instalados, estase a detectar unha redución do volume de lixo que se recolle e se leva a Sogama, cos conseguintes aforro económico e beneficios ambientais.