O poemario Prohibido apañar flores do estudante da Facultade de Ciencias da Educación Física e do Deporte Ciro Fernández Briones; o relato curto Joost do técnico especialista de Servizos Xerais da FFT Miguel Iglesias Van der Woude e a tradución dun texto de Denis Johnson realizado polo docente investigador do Departamento de Historia, Arte e Xeografía Adrián Presas Sobrado, son, respectivamente, as obras gañadoras dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2020 convocados pola Universidade de Vigo, a través da Área de Normalización Lingüística. “Os premios de poesía, relato curto e tradución literaria contan cunha longa tradición na Universidade de Vigo. Ano tras ano, a comunidade universitaria participa nunha convocatoria que recibe un salientable volume de obras en cada unha das tres modalidades, con participantes de todos os sectores da institución: estudantado, persoal de administración e servizos e profesorado”, destaca Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística en relación cos galardóns, que este ano recoñeceron cos seus primeiros premios o talento literario dos tres sectores que conforman a comunidade universitaria.
Nun acto celebrado na Casa de Rosalía en Padrón o xurado dos galardóns, composto nesta edición por Anxo Angueira, Francisco Alonso, Ana Acuña, Lourdes Lorenzo, Iolanda Galanes, Patricia Buján, Rexina Rodríguez Vega e Fernando Ramallo (secretario con voz, pero sen voto), seleccionou de entre todas as obras recibidas un primeiro premio e dous accésits por categoría, galardoados con 700 euros no caso do primeiro e 250 no segundo. Así, xunto ao primeiro premio de Ciro Fernández polo seu poemario Prohibido apañar flores, Noelia Estévez con O estourido e Andrea Ucha por Escribir, unha conduta ordenada, acadaron cadanseu accésit. Cómpre destacar, que nesta categoría, o xurado recomendou a publicación do poemario Na caída do esperado e agardando o recorrente de Anxo Mena.
Pola súa banda, na modalidade de relato curto, Cándido Paniagua, con Vivian Mary Hartley e Xosé Sobral Amoedo, con Barreiras, fixéronse cos accésits, que no caso da categoría de tradución gañou María Blanca Miranda, pola tradución dun texto de Guillaume Musso, quedando o segundo accésit deserto.
Unha entrega de premios adiada pola covid-19
O acto de recoñecemento aos e ás gañadoras desta edición 2020 dos Premios de Poesía, relato curto e tradución de ANL foi outro dos damnificados pola covid-19, de xeito que a súa celebración, que habitualmente faise coincidir co Día das Letras Galegas, tívose que adiar. “Este 2020, polas súas circunstancias, non permitiu convocar as persoas merecedoras do recoñecemento do xurado para a entrega de premios, que, como é costume, se trata dun acto coincidente co Día das Letras galegas. Con todo, agardamos poder facelo presencialmente no primeiro cuadrimestre do vindeiro curso 2020/2021, aproveitando, ademais, que para ese momento se coñecerán as persoas gañadoras dos premios de banda deseñada e de ensaio en galego que a Área de Normalización Lingüística acaba de convocar”, explica Ramallo.
ANL premia por vez primeira a banda deseñada e o ensaio en galego
O primeiro certame de banda deseñada e ensaio en galego xa está aberto a toda a comunidade universitaria, coa excepción do profesorado de Belas Artes, que non poderá participar na modalidade de banda deseñada. Os orixinais, que poden presentarse ata o 30 de setembro, deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). Os traballos deberán ser inéditos e non premiados noutro certame no momento da decisión do xurado ou que non estean pendentes de valoración doutro premio.
En ambos casos establécese un primeiro premio de 700 € e dous accésits de 250 € para cada unha das modalidades.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.