Alumnos da Xunqueira I de Pontevedra participan hoxe no roteiro guiado “Do gris ao violeta”

Esta proposta está incluída dentro do programa “A memoria das mulleres”
Por o 12/05/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra,Vigo
Alumnos da Xunqueira I de Pontevedra participan hoxe no roteiro guiado “Do gris ao violeta”
Compartir en:

Alumnos do IES A Xunqueira I participan hoxe no roteiro guiado “Do gris ao violeta”, incluído dentro do programa municipal “A memoria das mulleres”. O roteiro fai un percorrido pola historia de Pontevedra con lentes de xénero, da man de María Xesús López Escudeiro, membro do consello da Memoria das mulleres. Os rapaces sairán ás 12.00 horas da praza da Ferraría.

Paseando polas rúas, o roteiro achégase aos espazos polos que se moveron Concepción Arenal, Pardo Bazán, Carmen Durán, Dolores Trabado, Ángeles Ruibal… e outras moitas mulleres anónimas que merecen ser lembradas e que desenvolveron un papel moi importante nos movementos de protesta e nas transformacións sociais ao longo do tempo.

Os edificios, as rúas, as prazas dan conta da evolución da sociedade e do papel que desempeñaba a muller en cada época. Coa lembranza dos seus nomes e das biografías reflexiónase sobre a importancia das súas achegas á comunidade e recoñécese a súa presenza na historia da cidade.

Este roteiro histórico-biográfico pon voz ao silencio da historia oficial de Pontevedra sobre o protagonismo das mulleres (pioneiras, heterodoxas, rebeldes, loitadoras, resistentes), sobre aquelas que racharon os muros do ámbito doméstico incorporándose a espazos públicos, (ensinantes, artistas, empresarias, deportistas), sobre as traballadoras anónimas no mar, na terra e na vila. Todas elas recuperan neste percorrido a súa presenza como suxeitos activos da historia de Pontevedra.