Álvaro de Bazán centra un novo relatorio da Cátedra Álvarez-Ossorio

A actividade terá lugar este martes ás 19.00 horas na Escola Naval Militar de Marín
Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Álvaro de Bazán centra un novo relatorio da Cátedra Álvarez-Ossorio

A traxectoria do almirante Álvaro de Bazán y Guzmán, primeiro marqués de Santa Cruz e membro do consello de Felipe II centrará este martes 20 unha conferencia enmarcada nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Escola Naval Militar de Marín desenvolve xunto coa Universidade de Vigo. De afondar na historia deste militar, mariño e nobre do século XVI e a súa traxectoria na mariña de guerra, encargarase o historiador Agustín Ramón Rodríguez González, académico da Real Academia de Historia e asesor colaborador do Museo Naval de Madrid.

Don Álvaro de Bazán, un modelo a seguir é o título desta conferencia programada para esta martes ás 19.00 horas, e na que Rodríguez González estará acompañado polo director da Escola Naval Militar, José María Nuñez Torrente, e polo vicerreitor do campus e director da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, Juan Manuel Corbacho.

Experto en historia naval

Doutor en Historia pola Universidad Complutense de Madrid, Agustín Ramón Rodríguez é autor de 36 libros sobre historia naval, entre os que destacan Política Naval de la Restauración, 1875-1898Isaac Peral, historia de una frustraciónOperaciones de la guerra del 98, una revisión críticaLa Campaña del Pacífico, 1862- 1871Lepanto, la batalla que salvó a EuropaTrafalgar y el conflicto naval angloespañol del siglo XVIIIVictorias por mar de los españoles ou o publicado neste mesmo ano Señores del Mar, los grandes capitanes olvidados de la Real Armada, segundo informou a ENM nun comunicado. Así mesmo, tamén ten publicado, en colaboración con outros autores, libros como Buques de la Armada Española a través de la fotografía, 1849-1900La Fragata en la Armada Española, 500 años de Historia ou Los Submarinos españoles, así como colaborado nunha vintena de obras colectivas. Rodríguez González ten tamén impartido cursos e conferencias en diferentes centros militares e formado parte de nove equipos de investigación con financiamento oficial. Ao longo da súa traxectoria, este historiador foi recoñecido co premio Virgen del Camino da Armada Española en catro ocasións e co premio Ángel Herrera da Fundación San Pablo CEU. Así mesmo, entre as súas distincións destaca tamén o Premio Algaba polo seu libro sobre a vida e obra de Antonio Barceló e posúe tamén a Cruz do Mértido Naval con distintivo branco.