Álvaro Gago impartirá unha master class no festival Primavera do Cine en Vigo

O recoñecido director dará unha clase maxistral o próximo 12 de maio no auditorio do Concello dentro da programación de actividades paralelas que ofrece a VII edición do Primavera do Cine.
Publicado por o día 17/04/2018 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Álvaro Gago impartirá unha master class no festival Primavera do Cine en Vigo

O cineasta vigués Álvaro Gago impartirá unha master class dentro do programa da nova edición do festival Primavera do Cine en Vigo, que terá lugar entre o 8 e o 13 de maio.

Gago, que recibiu hai pouco o gran premio do xurado na categoría de curtametraxes do prestixioso festival de cine Sundance grazas a Matria, estará o 12 de maio de 10.00 a 14.00 dando unha clase maxistral titulada O camiño tamén é un lugar no auditorio do Concello de Vigo.

O CAMIÑO TAMÉN É UN LUGAR

A master class versará sobre a relación que existe entre a produción e a dirección á hora de levar a cabo un proxecto cinematográfico.

Dentro da clase abordaranse, entre outros, aspectos tan importantes como o casting ou a dirección de actores e actrices non profesionais. Ademais, Gago expoñerá tamén a súa visión particular do que é facer un filme poñendo como exemplo Matria.

Os participantes da master class poderán asistir de balde ó bloque 3 de curtametraxes onde se proxectará Matria tanto o venres 11 de maio a partires das 19.30 coma o sábado 12 de maio ás 18.30, ambos pases no MARCO.

As entradas, a un prezo de 20 euros, poderanse adquirir desde hoxe a través da web do Primavera do Cine mediante o método de pago PayPal. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata completar a cabida.

ÁLVARO GAGO

Álvaro Gago é un cineasta vigués que está a colleitar grandes éxitos cos seus traballos audiovisuais.

No 2013, Gago graduouse na London Film School con Curricán, unha curtametraxe que tamén lle serviu para alzarse co galardón ó mellor filme no IV festival Primavera do Cine e en Cans así coma o premio á mellor dirección no festival Curtocircuíto.

Dous anos despois  Álvaro Gago púxose ó mando da curta Bombolles durante un taller de creación impartido por Abbas Kiarostami en Barcelona e que gañou o premio do público no festival Fenêtre sur l’Europe.

En 2017 chega Matria e con ela o gran premio do xurado no 2018 Sundance Film Festival, converténdose así no primeiro español que consigue este galardón. A cinta tamén logrou a distinción á mellor curtametraxe española na Seminci e mellor película e mellor actriz tanto en Alcine como no festival de Aguilar del Campoo.

Actualmente Gago está inmerso na edición de Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, e no desenvolvemento do guión dunha curtametraxe de ficción titulada provisionalmente Vigo, 18 de decembro, ó mesmo tempo que traballa na súa primeira longametraxe.

Evento

Master class de Álvaro Gago O camiño tamén é un lugar

Data e hora

 Sábado 12 de maio de 10.00 a 14.00

Lugar

Auditorio do Concello de Vigo (praza do Rei, 1)