Amigas das árbores de Ourense, Amigos das árbores da Limia e Amigos da Terra, demandan ás administracións actuacións de urxencia para a restauración e recuperación das zonas incendiadas

“Os solos e as súas variadas funcións pasan desapercibidas. Os solos non teñen voz e poucas veces falan por eles. Son o noso aliado silencioso na produción de alimentos e o sostemento da vida na Terra” (José Graziano da Silva, Director Xeral da FAO) 2015, Ano Internacional dos Solos.

Cando a severidade e frecuencia dos incendios é elevada, o lume conduce ao medio natural cara un proceso de degradación debido á perda da cuberta vexetal. Esta situación podería desembocar nun proceso de empobrecemento ou perda do potencial biolóxico do solo, proceso global definido como desertificación. Unha vez calcinada a terra nos solos prodúcense escorrementos que afectan directamente aos recursos produtivos, con especial afección os recursos hídricos, a flora, a fauna, as infraestruturas…

Os voluntarios e voluntarias, os veciños e veciñas podemos realizar accións de restauración recuperación dos ecosistemas calcinados, mais estes traballos son unha obriga das distintas Administracións públicas que incluso o recollen nas súas normativas legais, directivas, consellos…

Afectado un monte por un incendio forestal é preciso e de forma urxente levar adiante actuacións e realizar traballos que eviten a erosión, o estragamento dos solos, a perda de biodiversidade, a protección das infraestruturas… A máis longo prazo, tanto Goberno central como a Xunta de Galicia, teñen a obriga de aprobar plans especiais e aplicar medidas de restauración-recuperación dos montes afectados por incendios forestais, pondo en marcha planos de restauración hidrolóxico-forestais para recuperar cada un dos ecosistemas afectados.

É bo lembrar que os estudos científicos reflicten que as perdas medias de solo, dependendo da orografía e estado da vexetación, poden acadar ata 50 toneladas por hectárea e ano. No conxunto da Península Ibérica calculan que o 44% do territorio está afectado por algún tipo de perda de solo por erosión, máis de 9 millóns de hectáreas teñen efectos erosivos moi graves.

“As árbores non poden vivir sen terra, a Terra non pode vivir sen árbores” (José Saramago)

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM