Amigos da Terra apoia a Folga Feminista

Sen xustiza de xénero, non haberá xustiza social e ambiental

No Día Internacional da Muller, 8 de marzo, Amigos da Terra, como asociación ecoloxista que loita pola xustiza social e ambiental,  únese á Folga Feminista, a folga de traballo, de consumo e de coidados. Unha das secuelas presentes na nosa sociedade, en todos os ámbitos, é a desigualdade entre homes e mulleres, que perpetúa a violencia e a pobreza contra a metade da poboación.

A asociación ecoloxista considera que só é posible lograr a xustiza social e ambiental si alcánzamos a xustiza de xénero. Para esta transformación, é indispensable un cambio radical das nosas sociedades. Amigos da Terra loita pola xustiza, pola liberación de tódolos sistemas que desvalorizan e explotan ás mulleres, os pobos e o medio ambiente, tales como o patriarcado, o racismo ou o modelo capitalista. Esta situación non pode abordarse de forma illada; refórzanse mutuamente nun afán constante de acumulación económica para unha elite minoritaria.

As mulleres vense afectadas de forma desproporcionada polos problemas ambientais, o cambio climático, as catástrofes climáticas e a explotación dos recursos naturais. Esta situación é aínda máis complicada para as mulleres dos países do Sur, mulleres indíxenas e as mulleres LGTB. “Pero non somos vítimas. Somos loitadoras. As mulleres somos protagonistas da defensa dos nosos territorios e da loita pola autonomía dos nosos corpos, vidas e forza de traballo”, sinalan as activistas da federación ecoloxista internacional.

A construción do feminismo foi grazas á resistencia e o empoderamento de millóns de mulleres en todo o mundo. Mulleres que deron a cara mostrando a súa forza e valentía nunha clara situación de desvantaxe co obxectivo da liberdade e a emancipación das mulleres. Neste sentido as activistas que durante anos formaron parte de Amigos da Terra liderando diferentes movementos veciñais, campesiños ou cooperativos tamén contribuíron á rede feminista, que mostra un crecemento imparable.

Desde a asociación queren facer unha homenaxe a todas as mulleres que participaron de cheo en Amigos da Terra, que contribuíron decididamente ao fortalecemento do movemento ecoloxista e que de igual forma loitaron pola igualdade das mulleres durante máis de 40 anos. Por este motivo, recollen máis de 100 imaxes da rede de activistas da asociación. (Álbum mulleres activistas).

A organización ecoloxista estará presente na manifestación do próximo xoves para mostrar o seu apoio á xustiza de xénero. Non se conseguirá unha xustiza real, tanto social como ambiental, sen o feminismo. As mulleres da organización ecoloxista súmanse á folga  durante o 8 de marzo.

“Entendemos o feminismo de base como unha ferramenta política clave nesta loita pola autonomía das mulleres, pola igualdade entre as mulleres e os homes, entre os pobos, e entre os pobos e a natureza. Queremos demostrar na práctica que este feminismo pode construírse e estase construíndo desde a base, de abaixo cara arriba, que é relevante para todas as mulleres e homes, e que reflicte a diversidade rexional e as diferentes realidades”, afirma Branca Ruibal, portavoz da asociación.

Manifesto cara á Folga Feminista 8M: https://folgafeminista.org/manifesto-folga-feminista/

Voces de activistas de Amigos da Terra: http://www.foei.org/es/que-hacemos/justicia-genero-desmantelamiento-patriarcado

Imaxes de mulleres activistas de Amigos da Terra:https://www.flickr.com/photos/60108073@N02/sets/72157692431340901

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM