Amigos da Terra Galicia denuncia publicamente os danos producidos ao arborado existente ao longo da estrada OU-1114

– Amigos da Terra Galicia denuncia publicamente os danos producidos ao arborado existente ao longo da estrada OU 1114, estrada da Deputación Provincial de Ourense que comunica Vilar de Santos e Rairiz da Veiga con Bande.

A OU 1114 é a única estrada que queda na chaira Limia exemplo do que foi a Biodiversidade de A Limia-Antela, ao longo dos seus 10 quilómetros atravesa unha boa parte da ZEPA de A Limia, pasa a carón do monumento natural “Carballa da Rocha” e por humedais de vital importancia, lembrar tamén que atravesa parte da Reserva da Biosfera (Allariz-A Bola-Vilar de Santos-Rairiz da Veiga) e parte do seu percorrido segue o mesmo trazado que a calzada romana Vía XVIII.

Fai dúas semanas que a Deputación de Ourense comezou o arranxo da OU 1114, o primeiro que se fixo foi a explanación dos laterais da estrada, destrución das paredes de pedra e a tala polo pé de árbores centenarias (principalmente carballos do país).
A OU 1114 é a única estrada das que queda na Limia que mantén a tipoloxía das vías de comunicación de cando existía a Lagoa de Antela. Unha estrada que descorre na súa maior parte pola Reserva da Biosfera da Área de Allariz, pasa a carón do Monumento Natural “Carballa da Rocha” e pola ZEPA de A Limia. Estas actuacións promovidas e orzamentadas pola Deputación de Ourense supoñen unha forte agresión ao patrimonio arbóreo, aos ecosistemas naturais da Limia e altera gravemente a Reserva da Biosfera declarada pola UNESCO.

Amigos da Terra considera que é posible o arranxo da OU 1114 compatibilizando as obras coa protección do arborado, da paisaxe, dos valores naturais da reserva da Biosfera, da protección da ZEPA, non se poden admitir as actuacións que se están levando a cabo nesta estrada que de facelas tal e como se están realizando pode supor a perda irreversible dos valores deste ecosistema natural (único exemplo que queda do que foi Antela-A Limia) e que incluso pode supor a perda da catalogación como Reserva da Biosfera da UNESCO por atentar contra os valores que fixeron que a zona se catalogara como tal.

Consideramos, dende Amigos da Terra, que son horas de que as administración públicas de Galicia compatibilicen o desenvolvemento das necesarias infraestruturas coa protección do patrimonio natural. Non se pode seguir estragando o patrimonio natural incumprindo a normativa medio ambiental máis básica. Non se pode seguir atentando contra o patrimonio arbóreo. Non se pode promover a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade mentres que unha zona xa catalogada como tal pola UNESCO sofre esta grave agresión aos seus valores naturais, etnográficos e culturais.

Amigos da Terra vai a solicitar a Deputación de Ourense a paralización inmediata das obras e ao mesmo tempo que o proxecto de arranxo da OU 1114 sexa compatible coa protección dos valores naturais, etnográficos e culturais polos que descorre esta estrada. Consideramos que é posible e resulta imprescindible.

PRENSA AMIGOS DA TERRA

Noticias de última hora en Vigo

amigos da terraou 1114

SIGUENOS EN TELEGRAM