Amigos da Terra e Masa Crítica celebran o PARK(ing) Day en Ourense

Co inicio da Semana Europea da Mobilidade, os colectivos uníronse para reivindicar máis espazos verdes na cidade.
Publicado por o día 16/09/2017 na sección de Amigos da Terra,Galicia,Medio Ambiente,Ourense,Política

Amigos da Terra e Masa Crítica celebran o PARK(ing) Day en Ourense

Coincidindo co inicio da Semana Europea da Mobilidade, a organización ecoloxista Amigos da Terra, e o colectivo cidadán de ciclistas Masa Critica Ourense unímonos esta mañá na reivindicación mundial do PARK(ing) Day, un evento anual aberto á participación da cidadanía, que consiste en converter unha praza de aparcadoiro nun xardín efémero ou temporal, transformando así o contexto urbano para reclamar cidades máis vivibles e humanas.

Os organizadores desta iniciativa quixemos así , a través dun acto puntual reivindicativo, denunciar a primacía do coche na cidade e reivindicar a necesidade dun máis amplo e mellor espazo público.

Os espazos verdes, fomentan as relacións sociais entre persoas, convidan a pasear e ser vividos,  melloran a calidade do aire e o clima urbano, á vez que promoven o desenvolvemento económico do comercio local.

Desde as 11h00 desta mañá ocupamos unha praza de aparcadoiro na zona azul da rúa Ramón Cabanillas, pagando o correspondente ticket da ORA para facer uso do espazo ata as 15h.

Nas declaración aos medios, ademáis da reivindicación de máis espazos verdes na cidade, os colectivos manifestaron tamén o seu desacordo e decepción coa estratexia de mobilidade na cidade de Ourense, que está amosando unha preocupante inoperatividade e segue  perpetuando na cidade problemas como a sobresaturación do tráfico a motor, e a falta dunha aposta por pacificalo para conseguir unha cidade máis amable.

A misión do PARK(ing) Day é chamar a atención sobre a necesidade de espazos urbanos  máis abertos, xenerar un debate crítico ao redor de como está creado o espazo público, e para mellorar a calidade do hábitat urbano para a cidadanía.

Con esta actividade arrancamos a Semana da Mobilidade, na que seguiremos realizando accións en prol dunha mobilidade sustentable na cidade de Ourense.