Amigos da Terra Galicia solidarizase coa familia, compañeiros e compañeiras do axente medio ambiental Xosé Enrique Casanova

Publicado por o día 29/06/2015 na sección de Amigos da Terra,Vigo

Amigos da Terra Galicia solidarizase coa familia, compañeiros e compañeiras do axente medio ambiental Xosé Enrique Casanova falecido o sábado 27 de xuño estando de traballo e participando nas labouras de prevención e extinción de incendios forestais no Distrito Forestal IX, Lugo-Sarria.

Xosé Enrique ao igual cos máis de 500 axentes medioambientais de Galicia adicou a súa vida a conservación, protección e mellora dos ecosistemas naturais, tiña unha longa experiencia nos traballos forestais. Lamentablemente faleceu o sábado 27 de xuño traballando na extinción de incendios na súa comarca Distrito Forestal IX Lugo-Sarria.

Dende Amigos da Terra Galicia queremos remarcar e agradecer o traballo que realiza o conxunto do operativo de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia (axentes medioambientais, brigadistas, conductores de autobomba, vixiantes de incendios…), traballos realizados en moitas ocasións con falla de persoal, equipamento material e técnico axeitado, con incumprimento da lexislación sobre prevención de riscos en traballos de alta perigosidade para a saúde e a protección tanto dos traballadores e traballadoras destes servizos como para o conxunto da sociedade.

Amigos da Terra, como ten feito de forma reiterada, solicitará de novo da Xunta de Galicia a inmediata realización da avaliación de riscos nos servizos forestais e o correspondente e imprescindible “Plano de Prevención de Riscos Laborais”. Lembramos unha vez máis que a Lei de Prevención de Riscos Laborais é do ano 1995, a día de hoxe os servizos forestais públicos da Xunta de Galicia incumpren esta lexislación básica.

Dende Amigos da Terra solidarizámonos coa familia, compañeiros e compañeiras de Xosé Enrique e lamentando a perda dun gran defensor e amigo da natureza.

PRENSA AMIGOS DA TERRA