Amigos da Terra lanza a campaña #Doylalata

A organización busca visibilizar o problema dos residuos abandonados no Estado e reivindicar solucións.
Por o 07/10/2016 | Sección: Amigos da Terra,Medio Ambiente,Vigo
Amigos da Terra lanza a campaña #Doylalata
Compartir en:

O vindeiro luns 10 de outubro, O Concello de Vilaboa e Amigos da Terra realizarán unha limpeza nas Salinas de Vilaboa, como primeira acción da recén estreada campaña #DoyLaLata.

Amigos da Terra lanza esta campaña co fin de mostrar un dos problemas máis habituais na xestión de residuos. Ao longo destas semanas, os grupos locais da organización están a realizar recollidas para visibilizar o abandono de residuos. A campaña tamén terá eco nas redes sociais a través dunha foto-acción, na que convidan á cidadanía a participar para visibilizar este problema en diferentes zonas da nosa xeografía.

A xeración inxente de residuos e o seu tratamento posterior é unha das problemáticas comúns en todos os municipios españois. O 67% de todos os residuos municipais van parar aos 149 vertedoiros ou ás 10 incineradoras repartidos polo Estado. Atopar solucións eficaces para cada tipo de residuo é un dos retos pendentes das comunidades autónomas.

As recollidas de residuos reivindicativas organizadas por Amigos da Terra ata a data, puxeron de relevo que máis da metade dos residuos abandonados en rúas e espazos naturais son latas e botellas. Por este motivo, a asociación ecoloxista centra a súa campaña de residuos precisamente nestes envases de bebidas.

O Grupo de Galicia, arranca a acción xunto co Concello de Vilaboa, realizando esta recollida nun espazo natural con gran valor ecolóxico que se está vendo afectado pola acción humana. Un grupo de persoas voluntarias do Concello e a organización ecoloxista, xunto con 60 estudiantes do Colexio O Toural, limparán este luns ás 16h as Salinas de Vilaboa.

Seguiranlle os grupos de Ibiza, Mallorca, Madrid, Andalucía e La Rioja.

En total, os españois consumimos 51 millóns de latas e botellas ao día, 18.000 millóns ao ano . Con todo, coa xestión actual só se recuperan 3 envases de cada 10 A cantidade de materiais que se desperdician e abandonan e, á súa vez, o diñeiro público investido para a súa limpeza é un custo moi alto para a cidadanía e o medio ambiente. A posta en marcha de solucións como o sistema de retorno de envases, cuxo obxectivo é recuperar os envases a través de dotar de valor económico ao propio envase, é un sistema que conta con porcentaxes de reciclaxe moi altos; é o caso de Alemaña cunha reciclaxe do 98%.

Amigos da Terra leva anos apoiando medidas eficaces para mellorar a xestión de residuos. Para dar a coñecer a problemática e a súa solución e facer partícipe á cidadanía das mesmas, a organización decidiu lanzar unha foto-acción, baixo o hashtag #DoylaLata, que contribúa a reclamar medidas eficaces para un problema común a toda cidadanía. “Doylalata” é unha chamada á acción colectiva para reivindicar unha solución eficaz como o sistema de retorno de envases.