Amigos da Terra súmase ao Día Internacional da Muller

As mulleres de todo o mundo organízanse como parte do movemento ecoloxista Amigos da Terra quere visibilizar a necesidade de seguir loitando pola Igualdade.
Por o 07/03/2017 | Sección: Amigos da Terra,Vigo
Amigos da Terra súmase ao Día Internacional da Muller

No Día Internacional da Muller, 8 de marzo, Amigos da Terra, como organización comprometida coa xustiza ambiental, social e económica, quere resaltar tamén o seu compromiso pola igualdade de xénero: unha das inxustizas presentes en todos os ámbitos da vida diaria, en moitos casos invisibilizada por unha aparente igualdade entre sexos. Amigos da Terra súmase ás mobilizacións polo Día Internacional da Muller e secunda o paro de 12:00 a 14:00 para mostrar o seu apoio ao movemento.

Desde a Federación Internacional de Amigos da Terra traballamos xunto a diferentes organizacións aliadas do movemento feminista e outros movementos sociais para promover a visión dun mundo baseado na xustiza de xénero, oposto a todas as formas de dominación e explotación.

As mulleres campesiñas, de base, indíxenas e traballadoras de todo o mundo organízanse para oporse á destrución das súas comunidades, as súas terras e recursos naturais. É o caso das defensoras ambientais que se enfrontan á persecución sistemática, abusos, ameazas e morte en mans de axentes do Estado e empresas. A pesar desta represión, as mulleres opoñen resistencia ao dominio dos seus corpos, vidas e sexualidade e loitan como suxeitos políticos para reivindicar os dereitos dos pobos e as mulleres, así como para defender os seus medios de vida. As mulleres constrúen solidariedade, loitan de forma colectiva pola súa autonomía, e constrúen relacións de reciprocidade e respecto entre as persoas e o medioambiente.

A poucos días do aniversario do asasinato de Berta Cáceres é necesario destacar á defensora ambiental como símbolo da loita das mulleres, como activista e indíxena. Unha muller que alzou a súa voz en defensa das mulleres e as terras das comunidades locais. Berta demostrou que non existirá a xustiza ambiental si non finalizan todas as formas de violencia contra as mulleres. A violencia segue a utilizarse como ferramenta para controlar as vidas das mulleres e o traballo, do mesmo xeito que se utiliza para controlar os territorios da comunidade e os bens comúns. A acumulación de bens económicos, en mans dunhas poucas elites, nunha época de múltiples crises – económica, social, ambiental – é posible grazas á opresión e a dominación da natureza e do traballo da xente.

Amigos da Terra denuncia a constante violación de dereitos e a persistente falta de xustiza. Denuncia os ataques constantes contra as mulleres, os pobos indíxenas, os movementos sociais e as comunidades locais en todo o mundo. Nesta liña considera que a loita pola igualdade é clave para avanzar cara a unha sociedade respectuosa co medio ambiente, xusta e solidaria. Un cambio de modelo, coas persoas e A Terra no centro, só será posible coa igualdade de oportunidades: unha repartición equitativa de dereitos e deberes entre mulleres e homes. Por este motivo súmase á loita das mulleres aquí e no resto do mundo.

Do 2 ao 8 de marzo de 2017, os grupos de Amigos da Terra Internacional mobilízanse con organizacións aliadas nunha semana de acción para apoiar a igualdade de xénero e denunciar a violencia e opresión contra as mulleres.