Amigos de la Tierra e Ecooo abren unha segunda horta solar á participación cidadá

Por o 25/06/2015 | Sección: Amigos da Terra,Vigo
Amigos de la Tierra e Ecooo abren unha segunda horta solar á participación cidadá
Compartir en:

– Continúa a aposta pola enerxía comunitaria tras completar con éxito a primeira Horta Solar

Amigos de la Tierra e Ecooo lanzan unha segunda Horta Solar aberta á participación da cidadanía. Trátase dunha instalación de enerxía solar en Leganés (Madrid) que será colectivizada grazas á participación das persoas que desexen ser copropietarias da horta solar.

Este proxecto permite, cun pequeno investimento, que as participantes fagan realidade un proxecto de enerxía renovable, á vez que recuperan o investimento inicial e alcanzan unha pequena rendibilidade. A instalación xerará 10 kw de potencia renovable que permitirá aforrar 360 toneladas de CO2 ao longo da vida útil da planta.

Amigos de la Tierra e Ecooo lograron completar con éxito unha primeira horta na que participaron máis de 100 persoas. Este colectivo de desobedientes solares xa está a contribuír activamente para frear as emisións de CO2 e avanzar cara a un novo modelo enerxético: a enerxía comunitaria. Grazas á participación de todas estas persoas aforráronse a emisión de 675 toneladas de CO2, a mesma cantidade que utilizaría un coche para percorrer 10 veces a distancia á Lúa.

Os ataques do Ministerio de Industria ás enerxías renovables buscan perpetuar un modelo enerxético baseado nos combustibles fósiles. Ante este escenario, ambala dúas organizacións fan un chamamento á cidadanía a emprender accións que fomenten as renovables e fortalezan a participación colectiva, á vez que desafían as políticas enerxéticas obsoletas impulsadas polo Goberno.

Por iso, esta segunda horta solar preséntase como unha ferramenta transformadora que nos permite impulsar un modelo baseado na enerxía comunitaria.

Esta iniciativa, ademais de potenciar as renovables e fortalecer a participación cidadá, contribúe a un modelo enerxético participado por cidadáns e cidadás que invisten e benefícianse da enerxía solar fotovoltaica.

Desde Amigos de la Tierra e Ecooo deféndese un modelo de enerxía 100% renovable, xerada a pequena escala, de maneira distribuída e xestionada de acordo á demanda. Este modelo só é posible a través de estruturas e proxectos colectivos da cidadanía para deseñar, financiar e implementar unha nova forma de xerar enerxía: a enerxía comunitaria.

Amigos de la Tierra e Ecooo animan á cidadanía a participar e ser parte activa como xeradores de enerxía renovable.

Calquera persoa que queira producir enerxía renovable para desprazar aos combustibles fósiles do sistema e facerlle fronte ao oligopolio enerxético, pode facelo a través da súa participación na Horta solar. A cantidade económica investida recupérase nun período de 12 anos aproximadamente e a partir deste momento comezan os beneficios.

PRENSA AMIGOS DA TERRA