Amnistía di que en España segue habendo torturas e abusos policiais

Organizará o día 4 en cidades galegas e españolas actos para que os concellos se comprometan na acollida de refuxiados.
Por o 21/02/2017 | Sección: Opinión,Opinión por Erik Dobaño,Social
Amnistía di que en España segue habendo torturas e abusos policiais
Compartir en:

Por Erik Dobaño

Amnistía Internacional presentou esta mañá na Coruña o seu informe 2016 no que conclúe que a defensa dos dereitos humanos perdeu terreo pola crecente debilidade das institucións internacionais e que o mundo é máis desigual que hai un ano. Respecto de España (o informe non se para a analizar as comunidades autónomas), a organización subliña que segue habendo torturas e casos de abusos policial que as máis das veces non se investigan en profundidade.

Tamén alerta sobre a desatención por parte do Estado das vítimas e familiares dos crimes do franquismo, un exemplo de como a quebra da vontade política debilita ás ferramentas da xustiza.

“A democracia e o Estado de Dereito non teñen valor ningún en moitos países do mundo”, avanzou Marga González, profesora e activista desde os oitenta, que advertiu como a crise dos refuxiados está impulsando actitudes populistas en gobernos europeos “que consideran que hai persoas que son menos que outras”. González avanzou ademais que Amnistía Internacional preparara un acto para o día 4 de marzo en varias cidades e vilas galegas e do resto de España baixo o lema ‘Que veñan os 17.000’, a cifra de refuxiados que o goberno de Madrid se comprometeu, hai xa dous anos, a asumir e dos que apenas foron recibidos un 10%. Amnistía pediu aos concellos que se comprometeran cunha cifra precisa de persoas que poderían acoller e que nesas cidades se realice un acto simbólico de “corte de cinta” como lugar de acollida. A organización recorda que existen fondos europeos destinados a estas políticas de acollida e pide que o goberno español libere ese diñeiro para que sexan as institucións municipais e as deputacións quen xestionen esas políticas, “para que non caia todo o peso sobre as ONG”.

Os responsables de Amnistía Internacional no país –Marga González estivo acompañada por Antonio Alonso- alertaron de outras violacións dos dereitos humanos que se producen tamén no Estado español. “O un retroceso na defensa dos dereitos vai en paralelo aos retallos na liberdade de expresión e á extensión dunha linguaxe xenófoba que acusan a maioría dos países europeos”, explicou Antonio Alonso, que denunciou ademais que se siga “intentando apagar o lume do terrorismo con máis gasolina” sen ter en conta que “a defensa dos dereitos humanos en todo o mundo é o mellor combate contra o terror”.

Os activistas fixeron ademais mención expresa ao cambio climático e alertaron en concreto das consecuencias que o quecemento do planeta ten xa en distintas áreas sobre a saúde e a alimentación das poboacións. E tamén se referiron ás coñecidas como expulsións en quente de inmigrantes, unha práctica que sinalan que é ilegal e así llo recordan ao goberno español.