Amnistía Internacional: Os cargos de sedición contra Sánchez e Cuixart son excesivos e débese suspender a prisión provisional

Publicado por o día 18/10/2017 na sección de Social

Amnistía Internacional: Os cargos de sedición contra Sánchez e Cuixart son excesivos e débese suspender a prisión provisional

O pasado 16 de outubro, a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela decretou prisión provisional para Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, presidentes respectivamente da Asemblea Nacional Catalá (ANC) e Òmnium Cultural, acusados dun delito de sedición, en aplicación do artigo 544 do Código penal, en relación coas protestas que organizaron os días 20 e 21 de setembro en Barcelona.

Segundo a xuíza, as protestas tentarían obstaculizar unha operación policial e xudicial baseada nunha orde xudicial ditada por un xulgado de Barcelona, que comportou o rexistro de varios edificios oficiais do goberno, co obxectivo de impedir a organización do referendo sobre a independencia de Cataluña o pasado 1 de outubro, declarado ilegal o pasado 7 de setembro polo Tribunal Constitucional, e finalmente anulado onte.


Amnistía Internacional non cuestiona o fallo do Tribunal Constitucional sobre a lei de referendum nin a súa aplicación, pero considera que, aínda que convocar a manifestantes co fin de impedir unha operación policial lícita pode ser perseguido por considerarse unha alteración de orde pública, a presentación de cargos contra Jordi Sánchez e Jordi Cuixart por un delito grave como é a sedición e a súa prisión provisional constitúen restricións excesivas do seu dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica.

?Pedimos ás autoridades que retiren os cargos de sedición presentados contra Jordi Sánchez e Jordi Cuixart e que poñan fin de inmediato á súa prisión provisional. A sedición é un delito definido dunha maneira moi xeral que abarca unha ampla variedade de actos, e que ademais pode comportar penas de ata 10 anos de cárcere? declarou Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional España.

Resposta xudicial desproporcionada, segundo o dereito internacional
Na súa decisión de impoñer a prisión provisional, a xuíza da Audiencia Nacional sostén que os acusados non se limitaron a convocar unha reunión pacífica, senón que actuaron con arranxo a unha complexa estratexia e unha folla de ruta para conseguir a independencia de Cataluña.

Con todo, en virtude do dereito internacional dos dereitos humanos, o dereito á liberdade de expresión e de reunión pacífica abarca a posibilidade de que as persoas e as organizacións da sociedade civil expresen as súas opinións sobre o referendo e sobre a independencia en xeral en calquera momento e individual ou colectivamente, mesmo no contexto de reunións públicas. ?As autoridades deben protexer o dereito dos particulares para expresar a súa oposición ao fallo do Tribunal Constitucional e a organizar reunións públicas pacíficas en favor do referendo? declarou John Dalhuisen, director para Europa de Amnistía Internacional.

O dereito internacional dos dereitos humanos tamén permite aos Estados impoñer algunhas restricións ao exercicio dese dereito con determinados fins lexítimos, como protexer a orde pública, unha operación lexítima de aplicación da lei ou a seguridade nacional, sempre que poida demostrarse que esas restricións son necesarias e proporcionadas ao obxectivo previsto.

Pero tamén de acordo co dereito internacional, as restricións da liberdade de expresión ?para desempeñar a súa función protectora […] deben ser o instrumento menos intrusivo dos que permitan conseguir o resultado desexado?. Este requisito de proporcionalidade implica que as sancións penais, en particular as que dan lugar a privación de liberdade, constituirán a miúdo unha restrición desproporcionada do dereito á liberdade de reunión pacífica e de expresión.

De acordo ás mensaxes que, segundo o auto da xuíza, publicaron nas redes sociais, así como por algunhas das declaracións que fixeron durante os sucesos, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart animaron aos manifestantes para concentrarse diante dos edificios oficiais co fin de impedir unha operación policial legal, pero non parece que animasen aos manifestantes para utilizar a violencia, de modo que os actos esporádicos de violencia cometidos por manifestantes, como os danos causados a uns vehículos da policía, non deberían atribuírselles directa nin indirectamente a eles en tanto que organizadores das protestas.