Amosan preocupación polos recortes e a deterioración na liña ferroviaria de ancho métrico

O sindicato remitiulles unha carta á Consellaría de Medio Ambiente e aos concellos afectados polos problemas rexistrados no traxecto Ferrol-Ribadeo
Por o 30/03/2017 | Sección: CC.OO,Galicia,Sindicatos,Vigo
Amosan preocupación polos recortes e a deterioración na liña ferroviaria de ancho métrico

O sector ferroviario de CCOO de Galicia remitiulles unha carta á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como aos concellos afectados polos problemas rexistrados na liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo. Na misiva, o sindicato detalla as deficiencias actuais, amosa a súa preocupación polos recortes e a deterioración no servizo ferroviario e insta as autoridades a adoptaren as medidas oportunas para que se corrixa a situación.

O sector ferroviario de CCOO de Galicia oponse a calquera supresión ou peche de liñas, estacións ou venda de billetes. O sindicato reivindica un ferrocarril «público e social», polo que insta as corporacións locais a realizaren xestións para manter e potenciar a rede, mesmo a dirixírense ao Goberno central e á Xunta para que se articulen as partidas orzamentarias precisas para a mellora dos servizos ferroviarios.

Endurecemento dos criterios para o servizo público

CCOO lembra que, antes de rematar o ano, o Ministerio de Fomento deberá publicar unha nova relación das obrigas de servizo público ferroviario. O sindicato teme que se endurezan os criterios e pesen máis a rendibilidade económica e o número de viaxeiras e viaxeiros, «esquecendo o carácter social, vertebrador e dinamizador da economía» dos lugares atravesados por estas liñas.

A preocupación do sindicato fundaméntase en que nos últimos anos se rexistra unha «deterioración considerable» dos servizos de Renfe-Ancho Métrico —a antiga FEVE— en Galicia, principalmente pola falta de material ferroviario, pola diminución de persoal e polo escaso mantemento da infraestrutura. CCOO denuncia que se lle dea á comunidade galega un «trato discriminatorio» respecto doutras.

Canto ao material ferroviario, CCOO indica que hai dous tipos de automotores: os da serie 2400, con máis de trinta anos de antigüidade, e as series 2700 e 2900, duns oito anos —pero con frecuentes avarías—. A isto súmase a escaseza de repostos para as reparacións ou a falta de persoal para o mantemento dos trens.

Falta de persoal e pouco mantemento

Precisamente, respecto do persoal, non hai o suficiente para cubrir todos os servizos, tanto de maquinistas, operadores comerciais —interventores— ou para tarefas de mantemento nos talleres. Isto débese a que non se cubriron todas as xubilacións. Malia que houbo algunha contratación de maquinistas, tampouco foron cubertas todas as vacantes, e isto ocasionou numerosas supresións de trens. No caso dos interventores, tampouco hai un número abondo para cubrir todos os servizos, polo que moitos trens viaxan sen interventor.

No que atangue á infraestrutura, en moitos puntos da vía non se emendaron os problemas detectados; unicamente se ‘corrixiron’ mediante limitacións de velocidade. Isto implica que haxa traxectos que hoxe en día demoran máis que hai corenta anos.