Amplían a autorización para conxelar a carne da Indicación Xeográfica Protexida ‘Ternera Gallega’ debido á emerxencia sanitaria pola covid-19

O Diario Oficial de Galicia xa publicara en abril de 2020 a modificación temporal do prego de condicións técnicas deste selo de calidade neste sentido

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía a autorización para conxelar a carne da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega. Deste xeito, vólvese modificar de xeito temporal o prego de condicións técnicas desta IXP para que, mentres dure o estado de alarma ou medidas similares decretadas en España que provoquen restricións na comercialización da carne de vacún como consecuencia da covid-19, a carne deste selo de calidade poida someterse a procesos de conxelación.

Cómpre lembrar que en abril de 2020 xa se aprobara unha primeira modificación temporal do prego de condicións deste selo de calidade neste sentido, que estivo vixente ata o pasado 31 de decembro. Desta volta, a autorización para comercializar pezas conxeladas de «Ternera Gallega» esténdese ata o 30 de xuño de 2021. A maiores, estas pezas deberán cumprir os requisitos aplicables á comercialización de carne conxelada de vacún, especialmente no relativo á información ao consumidor sobre o proceso de conxelación e a data de consumo preferente, así como á excepcionalidade da súa venda baixo a protección da IXP.

Cabe destacar que esta modificación fora solicitada polo propio Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas da Carne de Vacún de Galicia -que xestiona a IXP «Ternera Gallega»- ante a incidencia da epidemia na saída deste produto de calidade, por mor das medidas de prevención sanitaria decretadas que supoñen restricións aos movementos das persoas, así como afectacións ás actividades da hostalaría e a restauración, a través das que comercializa boa parte da súa produción.

Por último, cómpre sinalar que se trata dunha medida excepcional que a propia normativa europea permite ante medidas sanitarias ou fitosanitarias obrigatorias impostas polas autoridades públicas. Por iso, a orde tamén contempla remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para o seu traslado á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario