Amplíase o prazo para visitar na Guarda a Exposición «Rompe, Xoga en Igualdade»

A Guarda acolle dende o xoves 7 de marzo a Exposición «Rompe. Xoga en igualdade», dentro das actividades programadas na conmemoración do Día Internacional da Muller 2019
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de A Guarda,Galicia

Amplíase o prazo para visitar na Guarda a Exposición «Rompe, Xoga en Igualdade»

Na inauguración da Exposición «Rompe. Xoga en Igualdade», unha rompedora mostra da Deputación de Pontevedra coas “Barbies intervidas” coma protagonistas, contouse coas intervencións do Alcalde da Guarda, da Tenente de Alcalde, da Concelleira de Servizos Sociais, así como das súas creadora, Isabel Blanco e Irene Silva.

Esta exposición estará no vestíbulo da Casa dos Alonsos ata o vindeiro 23 de abril e poderá visitarse en horario de 8:00h a 15:00h. As bonecas como arquetipo da “muller obxecto” que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación. Unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas “Barbie”, que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende “romper” e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que “romper” e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

“Rompe. Xoga en igualdade” consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a “Barbie” por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.