Amplíase prazo para propostas sobre a nova ponte peonil transfronteiriza entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez anunciou que se tiveron en conta as propostas do Colexio de Arquitectos de Galicia.
Publicado por o día 13/10/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Tui

Amplíase prazo para propostas sobre a nova ponte peonil transfronteiriza entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira

O prazo para presentar propostas no concurso de ideas para a nova ponte peonil transfronteiriza entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira ampliarase ata mediados de decembro. Así o indicou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, quen sinalou que a Deputación estudou e aceptou parte das propostas do Colexio de Arquitectos de Galicia para permitir participar a un maior número de profesionais.

Hoxe publícase no BOPPO unha modificación das bases e o deputado explicou que o motivo do cambio é acadar “as mellores propostas, as máis innovadoras e enriquecedoras coa colaboración de profesionais de diferentes campos e diferentes niveis de experiencia para crear a través da ponte un territorio común a dous países en Tomiño e Vila Nova de Cerveira”.

As bases manterán a valoración orixinal das propostas para o viaduto, tendo en conta a adecuación funcional da nova estrutura, coa necesaria integración nas redes viarias e espazos públicos dunha e outra banda do río, condicións de accesibilidade, minimización das afeccións á navegabilidade do río; a integración ambiental paisaxística, compatibilidade co espazo natural de ribeira e co patrimonio histórico do ontorno, valorización dos parques de O Casteliño e Espazo Fortaleza, e minimización de afecciones aos sistemas de ribeira, e ás praias fluviais; así como tamén a viabilidade técnica, construtiva e económica da solución proposta, a calidade formal e a calidade da documentación presentada.

O cambio fundamental das bases centrouse en atemperar a solvencia esixida aos concursantes. Así, suprímese das esixencias o ter realizado nos últimos 15 anos procedementos construtivos para a execución de pontes e pasarelas, xa que a obra pública –principal promotora deste tipo de construcións- baixou considerablemente nos últimos anos e isto podería inducir unha certa limitación da participación. Por outra parte, coas novas bases permitirase concorrer ao concurso aos autores doutro tipo de construcións singulares. Finalmente, nas bases exclúese do equipo de traballo para a primeira idea da ponte (fase proxectual) a figura de responsable de control de obra e de seguridade e saúde.

O concurso de ideas, tal e como estaba previsto, desenvolverase en tres fases. Ábrese agora un novo prazo de presentación de 60 días, tralo que se seleccionarán as tres mellores propostas de estudo técnico. Os tres finalistas recibirán unha prima de participación por importe de 10.890,00 euros cada un e serán invitados a participar na segunda fase para a redacción do anteproxecto da ponte. O contrato para redactar este anteproxecto adxudicarase ao gañador definitivo por un importe de 54.450,00 euros, e será entón cando se solicitarán todas as autorizacións e informes dos organismos perceptivos.

Finalmente, na terceira fase, unha vez entregado o anteproxecto e no caso de que a proposta resulte viable e consiga os permisos necesarios que garantan a súa executabilidade, a Deputación encargará ao gañador que redacte o proxecto construtivo definitivo, cun orzamento máximo de 121.880,00 euros. Así, o gañador do concurso, poderá embolsarse un total de 187.220,00 euros entre primas, redacción de anteproxecto e proxecto construtivo.

A mellor proposta será elixida por un xurado tamén conformado de xeito internacional, no que se dará representatividade ás escolas técnicas, colexios oficiais e administracións con competencias e intereses na ponte de ambos lados do río.

A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada nunha das actividades do proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V- A nunha candidatura conxunta da Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolçóxico do Mar e a Univesidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros.